Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de maio de 2020

O Goberno local inviste un millón de euros na humanización de Agrela

A Xunta de Goberno Local aprobou a reforma integral do Centro Asociativo Domingo García Sabell e as obras de restauración do Xardín de San Carlos, que se executarán en seis meses Na sesión ratificouse a construción dun carril bici no polígono de Agrela, no tramo que discorre entre a avenida Fisterra e A Sardiñeira

 A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proxecto de reurbanización da rúa Severo Ochoa, en Agrela. A súa licitación, que ascende a 951.356,27 euros, inclúe a reordenación e o aumento de prazas de aparcamento, que pasarán a ser en batería, e do tráfico, así como a humanización da vía coa plantación na medianeira de árbores que dotarán de verde a zona e reducirán a contaminación ambiental e sonora. Os traballos enmárcanse dentro da Estratexia Eidus Coruña e estarán financiados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), dentro do eixe de desenvolvemento urbano do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. 

A actuación afectará á marxe dereita da rúa, entre o cruzamento con Galileo Galilei e o da rúa Newton e terá unha lonxitude aproximada de 700 metros. Nesta superficie, renovarase o pavimento da beirarrúa e construirase un carril bici bidireccional. Ademais, canalizaranse os pluviais, a iluminación e as comunicacións e reaxustarase a parada de bus, en que se incorporarán vexetación, un novo paso peonil e mobiliario. 

Outra das infraestruturas que se comezará a construír é o carril bici no perímetro que discorre entre a avenida de Fisterra e A Sardiñeira, no polígono da Agrela, un proxecto que corresponde á Estratexia Eidus Coruña e está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do eixe 12 do POPE.

Por outra banda, na sesión de hoxe acordouse adxudicarlle a Imesapi, S.A. o procedemento aberto simplificado para contratar as obras de restauración do Xardín de San Carlos, que se engloba tamén dentro de Eidus Coruña. O prezo do contrato é de 310.515,52 euros (IVE incluído) e as obras executaranse nun prazo de seis meses, que comezarán a contar desde o día seguinte á sinatura da acta de comprobación do replanteo. 

REFORMA DO CENTRO ASOCIATIVO GARCÍA SABELLO Goberno local levará a cabo nos próximos meses a reforma integral do Centro Asociativo Domingo García Sabell, que está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Cun orzamento de 622.669,47 euros (IVE incluído), a actuación consistirá na redistribución completa do inmoble, xa que a disposición actual de espazos non facilita os novos usos que pretenden implantar no edificio. Deste xeito, haberá catro locais independentes, con accesos e instalacións individualizados, co fin de que funcione cada un de maneira autónoma, sen a necesidade de dotalos de servizos comúns. Paralelamente, realizarase unha reforma integral de cara a mellorar as condicións de salubridade e habitabilidade, posto que ao se situar nunha planta semisoto, existe una franxa posterior de estancias, en contacto co terreo, que non dispoñen de ventilación natural.

Canto a obras, acordouse outorgar licenzas para construír dous edificios nas parcelas Z-32 e Z-33, dentro do sector 10 do Parque Ofimático. Haberá un total de 70 vivendas en cada un dos bloques, mais os locais comerciais, cun orzamento de 14 millóns de euros para a súa execución material. Ademais, abordouse a convocatoria de subvencións municipais dirixidas ao sector do taxi.

No referente a asuntos sociais, as/os representantes do concello sacaron adiante o convenio de colaboración entre o concello e a Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos para financiar gastos de mantemento do servizo "Calor e Café". Este programa diríxese a persoas que pasan a noite no refuxio da entidade e nel inclúense tamén os gastos de seguridade e vixilancia das instalacións dentro deste servizo e durante este ano. Así mesmo, ratificouse a convocatoria de axudas Bonotaxi para o transporte en taxi de persoas con discapacidade. 

Desde Urbanismo, informaron a Xunta de Goberno Local das 35 licenzas urbanísticas outorgadas entre o  22 de abril e o 10 de maio e que, xunto ás 46 obras en réxime de comunicado autorizadas, ás 10 actividades en réxime de comunicación previa, ás 6, en réxime de declaración responsable, e a 5 trámites máis relacionados con prórrogas, proxectos de execución e desistimentos, suman un total de 102 expedientes executados neste período.

Por último, ratificouse a Operación EDUSI LA9-Op9.1, denominada "Portal da mobilidade urbana", financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do eixo 12 do POPE cun coeficiente de cofinanciamento do FEDER do 80%.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión