Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de febreiro de 2020

O Goberno local recibe as propostas do alumnado coruñés para mellorar a cidade

232 nenas e nenos presentaranlle as súas reflexións á Corporación municipal o vindeiro martes no Centro Ágora nun encontro que forma parte do proxecto “Sementando Participación”

 O martes, 4 de febreiro, ás 10.30 h, terá lugar no Centro Ágora un encontro entre o Goberno municipal, encabezado pola alcaldesa, Inés Rey, cunha representación do alumnado do CEIP Alborada e do Fogar de Santa Margarida. Trátase dunha iniciativa que se enmarca na segunda edición do proxecto "Sementando Participación", impulsado pola Fundación Educo nestes dous centros educativos e co apoio do Concello da Coruña.  

O desenvolvemento dunha serie de obradoiros durante o primeiro trimestre do curso escolar  propiciou o achegamento dos dereitos da infancia ao alumnado, o coñecemento do dereito á participación e á reflexión destes sobre a súa contorna e as problemáticas que os rodean. No encontro deste martes exporanse as conclusións finais ás que chegou o alumnado. 

Segundo o art. 12 da Convención sobre os Dereitos da Infancia de 1989, "todas as nenas e nenos teñen dereito a expresaren as súas opinións e a que estas sexan tidas en conta".

Neste sentido, a Fundación Educo achega o coñecemento do dereito á participación ao alumnado e contribúe así á educación para a participación activa na sociedade. Así, a través do traballo nas aulas, propiciouse a mellora das habilidades de liderado e organización achegando ás nenas e nenos ao exercicio da democracia e a cidadanía responsable. 

A Fundación Educo é unha ONG de cooperación global para o desenvolvemento, con máis de 25 anos de experiencia, que actúa a favor da infancia e en defensa dos seus dereitos, en especial o dereito a unha educación equitativa e de calidade. Traballan con nenas, nenos e a súa contorna para promover sociedades máis xustas e equitativas que garantan os seus dereitos e benestar. 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión