Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de xullo de 2022

Ademais, o executivo e a Marea Atlántica aprobarán a incorporación de 822.000 euros de remanentes do IMCE para reforzar a programación cultural

O Goberno municipal e a Marea Atlántica acordan a posta en marcha do Consello Municipal de Cultura, que se aprobará nun pleno extraordinario

As dúas partes avanzan tamén execución das axudas á creación e das residencias artísticas en espazos municipais

O Goberno municipal e a Marea Atlántica impulsan esta semana tres dos acordos para o Orzamento 2022 relacionados coas políticas culturais, que se materializarán neste mes de xullo: a constitución do Consello Municipal de Cultura, as axudas á creación e o programa de residencias artísticas en instalacións do Concello. 

Con este avance no cumprimento dos acordos garántese, ademais, a incorporación de 822.000 euros de remanentes do IMCE, aprobada hoxe en Comisión de Facenda cos votos de ambos os grupos, e que será ratificada no Pleno deste xoves 7 de xullo. Estes fondos servirán para desenvolver e reforzar a programación cultural para o que queda de ano. 

O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage Tuñas, destacou a importancia dos acordos "para apoiar a un sector estratéxico para a cidade e para potenciar e mellorar a oferta cultural para os cidadáns e as cidadás". 

Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica, sinala que estas son medidas "que reforzan a relación do Concello co sector cultural da Coruña, e que o fan desde un enfoque de cooperación e proximidade, pensando en beneficiar ás e aos artistas locais". 

Deste xeito, o Consello Municipal de Cultura xa conta cun regulamento e Estatutos definitivos, tras o proceso de achegas e diálogo co sector que comezou tras o acto de presentación no Teatro Colón no mes de abril. Este novo organismo aprobarase nun pleno extraordinario nas próximas semanas, un paso que non é obrigatorio pero que permitirá que toda a corporación teña a oportunidade de posicionarse e debater sobre o asunto. 

O Consello Municipal de Cultura está pensado para darlle ás e aos profesionais da cultura un espazo de diálogo con toda a corporación local, con voz e voto. Estará presidido pola alcaldesa e terá unha vicepresidencia escollida polo tecido cultural. O seu plenario está pensado para ter unha representación ampla e aberta de profesionais e asociacións culturais, xunto a todos os grupos políticos con representación no Concello. Os seus Estatutos baséanse nos doutros consellos creados durante o pasado mandato, coma o de Inclusión e o de Saúde. 

Axudas á creación e residencias artísticas 

Neste mes de xullo está tamén previsto o lanzamento de dúas novas políticas culturais que forman parte do acordo entre a Marea Atlántica e o executivo de Inés Rey para a aprobación dos Orzamentos 2022, como son as axudas á creación e as novas residencias artísticas, ambas as dúas centradas en fomentar o tecido cultural local desde a proximidade. 

As axudas á creación xa tiveran unha primeira fase piloto dentro do PRESCO, mais agora incrementaranse tanto a súa contía total ata os 180.000 euros, así como o importe máximo que pode recibir unha persoa beneficiaria, ata 10.000 euros. Axilízanse tamén os trámites para solicitalas, procurando que sexan o máis útiles posibles no fomento da produción cultural na cidade da Coruña. 

Ambos os dous grupos acordaron tamén as bases para o programa de residencias artísticas en espazos e recintos municipais: o centro Ágora, o Teatro Rosalía, o auditorio do Fórum Metropolitano e a sala Túnel do Coliseum, para acoller propostas de artes escénicas, música, danza, maxia, novo circo... O seu orzamento chega aos 150.000 euros, que inclúen a produción  artística e a cobertura de determinados gastos. Priorizarán a artistas residentes na Coruña, pero están abertas a proxectos desenvolvidos tamén desde fóra da cidade.

Deste xeito, avanza a posta en marcha das novas políticas públicas previstas no acordo para os Orzamentos 2022, que incrementaron en 3,1 millóns de euros os fondos para a Área de Cultura.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión