Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de outubro de 2021

O Goberno municipal e a Marea Atlántica acordan a renovación de trece ordenanzas para afondar nunha maior xustiza fiscal

José Manuel Lage Tuñas: "Aprobaremos ata 14 bonificacións para axudar ás familias numerosas e monoparentais, impulsar o coidado do medio ambiente, potenciar o tecido social da cidade e axudar ás empresas que viron reducidos os seus ingresos"

O Concello da Coruña contará o vindeiro ano 2022 cunhas ordenanzas fiscais máis xustas grazas a unha mellor distribución das cargas tributarias. O Goberno municipal e a Marea Atlántica presentaron esta mañá o acordo que permitirá reformar 13 tributos e taxas municipais, con bonificacións e mesmo exencións para persoas e colectivos, e maiores cargas para determinadas actividades de carácter lucrativo.

O acordo foi froito do diálogo entre o Goberno municipal e a Marea Atlántica. "Unha política tributaria máis xusta é a que distribúe mellor as cargas segundo as posibilidades das persoas, hoxe damos un paso máis cara unha maior xustiza social", indicou o portavoz do Goberno e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, quen agradeceu o clima de diálogo e as achegas da Marea Atlántica nos últimos meses, agradecemento que estendeu á súa portavoz, María García.

As novas ordenanzas, que irán ao pleno do 4 de novembro, contemplan bonificacións do 50% na taxa por recollida e tratamento de residuos para familias numerosas e monoparentais, así como a creación dunha nova categoría pola que as vivendas vacacionais aboarán unha cota específica de 10,33 euros por cuarto, cun mínimo de 66,86 euros por vivenda. A mesma bonificación do 50% para familias numerosas e monoparentais aplicarase tamén nas ordenanzas que regulan as taxas da auga e dos servizos de depuración e saneamento.

No caso da recollida de lixo, aquelas persoas que empreguen un composteiro terán tamén unha bonificación do 50% durante catro anos sobre a tarifa establecida que, un ano máis, non varía. Tamén terán bonificación as empresas que teñan contratado os servizos dun xestor autorizado de residuos.

As novas ordenanzas contemplan tamén por vez primeira na Coruña unha bonificación no IAE para as empresas cunha facturación de entre 1 e 2 millóns de euros (as que facturan menos de 1 millón de euros xa estaban exentas)  que tiveran rendementos negativos no último ano fiscal. Ditas compañías veranse bonificadas cunha minoración de ata o 10% do imposto.

O acordo entre o Goberno municipal e a Marea Atlántica supón tamén unha exención de taxas para as entidades veciñais e sen ánimo de lucro que empreguen as instalacións deportivas municipais, e a mesma exención no caso da taxa de mercados para a organización de actividades declaradas de interese xeral pola Xunta de Goberno Local, así como unha rebaixa do 50% para aquelas outras entidades sen ánimo de lucro que empreguen os espazos dispoñibles para a celebración de eventos en San Agustín e praza de Lugo.

Ademais, o Concello da Coruña gravará por primeira vez ás empresas de telefonía móbil polo uso do espazo público, eliminará parte das bonificacións por categoría de rúas aos caixeiros automáticos accesibles desde a vía pública e actualizará as tarifas, despois de 11 anos, ás empresas que empregan o espazo público.

"Aprobaremos ata 14 bonificacións para axudar ás familias numerosas e monoparentais, impulsar o coidado do medio ambiente, potenciar o tecido social da cidade e axudar ás empresas que viron reducidos os seus ingresos", explicou Lage Tuñas.

A reforma das ordenanzas, que estará vixente no 2022, súmase ás modificacións levadas a cabo o ano pasado, e que supuxeron tamén unha suba nas cotas que aboan a banca e as salas de xogos, e nunha rebaixa significativa no Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana, as plusvalías, para as rendas máis baixas.

Ademais, durante o presente exercicio e a causa da pandemia, os hostaleiros estiveron exentos do pago da taxa de terrazas, rebaixouse tamén a auga e os sumidoiros para os sectores afectados polos peches, e non se cobrou a recollida de lixo aos establecementos afectados polos peches ou restricións severas de actividade decretadas polo Estado ou pola Xunta.

"A política fiscal impulsada por Inés Rey e consensuada agora coa Marea Atlántica supón unha clara aposta pola aplicación dun modelo progresista e máis xusto nesta cidade, na que o ano que vén pagarán menos os que menos teñen e compensarán esa diminución de ingresos municipais as grandes compañías que dispoñen de máis recursos", indicou Lage Tuñas.

Froito dos acordos entre o Goberno municipal e a Marea Atlántica as escolas infantís municipais son, desde o ano pasado, gratuítas para todos os usuarios.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión