Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de marzo de 2022

O Goberno municipal recolle as propostas do alumnado da Coruña para mellorar a cidade

O proxecto “Sementando Participación” remata a súa quinta edición cun acto no Ágora no que participaron máis de 180 alumnos dos CEIPs Alborada, Labaca e o Colexio Fogar de Santa Margarida

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañou este mércores ao alumnado do programa "Sementando Participación" no seu acto de final de proxecto. A clausura do ciclo celebrouse no Centro Sociocultural Ágora, ao que Rey acudiu acompañada da concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira, responsable do proxecto, así coma os demais membros da corporación municipal e da Fundación Educo.

No Ágora proxectouse un vídeo que resumía as actividades formativas desenvoltas no marco do proxecto "Sementando Participación", parte clave do programa no eido da promoción da participación cidadá e do pensamento crítico entre o alumnado. Tras a proxección, os nenos e nenas tiveron a oportunidade de preguntar á Alcaldesa e aos concelleiros e concelleiras sobre asuntos da xestión municipal e do futuro da cidade, así como trasladarlle as súas propostas como resultado último do proxecto.

"É fundamental que a cidadanía teña un pensamento crítico, que forme parte da toma de decisións que atanguen ao seu día a día. E isto debe fomentarse dende as idades máis temperás, de aí a nosa aposta por este proxecto", explicou Inés Rey aos participantes no programa. Ademais, felicitou  ao alumnado pola súa implicación e traballo ao longo do ano e polas relevantes achegas ao goberno municipal, que "dan conta de que non só sodes o futuro da cidade, senón tamén o presente".

Entre as propostas feitas polos pequenos e pequenas figuran a creación de parques con xogos adaptados á súa idade ou a realización dunhas olimpíadas entre os centros escolares, pero tamén outras de carácter social, como a necesidade dun espazo municipal para a acollida de animais ou dun centro de atencións ás persoas sen fogar. A alcaldesa agradeceu aos nenos e nenas o seu interese pola inclusión e o coidado do medio ambiente e comprometeuse a estudar as achegas co resto da corporación municipal.

Ao acto asistiron tamén o Concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín; o Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, a Concelleira de Medio Ambiente e Sostibilidade, Esther Fontán; a Concelleira de Comercio, Mercados e Barrios, Diana Sobral; e a Concelleira de Deportes, Mónica Martínez.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión