Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de xullo de 2022

Inés Rey: “Este módulo do parto foi pioneiro no coñecemento do ser humano, amosando de forma gráfica o principio do mundo”

O museo científico da DOMUS actualiza o vídeo do parto despois de 27 anos

Un vídeo cedido polo Sergas e un fragmento do filme “Quien a hierro mata”, de Vaca Films, son as novas pezas do módulo do parto

O museo científico da DOMUS presentou esta mañá a renovación do módulo do parto, unha das grandes atraccións do espazo museístico. A alcadesa, Inés Rey, acompañou a Patricia Barciela, directora técnica da DOMUS, e Moncho Núñez, exdirector, na presentación das novas pezas audiovisuais do módulo do parto aberto novamente dende hoxe.

"Hoxe, despois de 27 anos de reproducións, a DOMUS cambia o seu famoso parto para traernos dúas novas películas coas que redescubrir o inicio da vida", sinalou a alcaldesa. O vídeo, un dos grandes atractivos da DOMUS, é un contido pioneiro nos museos científicos. No 1995, ano da súa inauguración, a proxección dun parto explícito en aberto para todos os públicos supuxo unha novidade que a día de hoxe segue sen ter rúbricas noutros grandes museos. "Este módulo do parto foi pioneiro no coñecemento do ser humano, amosando de forma gráfica o principio do mundo" destacou Inés Rey, quen, neste sentido, quixo agradecer a todos os traballadores e traballadoras dos Museos Científicos o seu labor e iniciativa por achegar o coñecemento científico á cidadanía.

A directora técnica da DOMUS, Patricia Barciela, presentou as dúas novas pezas audiovisuais que se reproducirán no módulo. A primeira trátase dun parto grabado polo persoal sanitario do Sergas, no CHUAC; e a segunda é un fragmento do filme "Quien a Hierro Mata", da produtora coruñesa Vaca Films e protagonizada por Luis Tosar. "Ambos os vídeos son partos reais e naturais que mostran de forma explícita un parto, pero queremos seguir ampliando o número de pezas para ensinar a diversidade" sinalou Patricia Barciela. Pola súa parte, Moncho Núñez, exdirector da DOMUS e director na posta en marcha do espazo, quixo agradecer o convite e valorar o impacto do vídeo do parto que chegou a este museo para marcar a tantas e tantas xeracións.

Peticións dos visitantes

Dende que a DOMUS puxo en pausa a reprodución do parto, foron moitas as persoas que preguntaban polo vídeo. A caixa de suxestións recolleu centos de preguntas sobre a súa falta, así como peticións de reposición. "Nós sabiamos que o vídeo do parto era un dos grandes atractivos do museo, pero non esperabamos que tivese tanta demanda" destacou Patricia Barciela.

O obxectivo do museo sempre foi o de manter o módulo, mais cambiando o icónico vídeo en VHS por unha versión máis actualizada, mellorando a calidade da imaxe. Ademais, a despois de 27 anos, a ciencia avanzou non só no campo do audiovisual, senón tamén sanitario. É por iso que dende a dirección do museo teñen previsto ampliar o número de vídeos do parto, recollendo moitos tipos de partos diferentes que mostren a diversidade dende diferentes experiencias e realidades. Con todo, dende a DOMUS quixeron manifestar o seu agradecemento aos visitantes por amosarse tan interesados no espazo e que dende hoxe, poderá visitarse de novo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión