Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de decembro de 2022

O Nadal chega ás casas-museo da Coruña, con obradoiros familiares e percorridos guiados

As actividades, que terán lugar ata o día 4 de xaneiro, serán de balde, mais limitadas a 15 prazas por quenda

Este Nadal, e aproveitando as vacacións escolares, os Museos Históricos Coruñeses promoven unha serie de percorridos guiados polas casas-museo da Coruña. Esta iniciativa, que tamén abrangue obradoiros familiares, busca dar a coñecer entre a cidadanía a evolución e percorrido de figuras clave na historia da Coruña, como María Pita, Santiago Casares Quiroga e a súa filla, María Casares, e Pablo Picasso.

A Casa Museo María Pita abrirá as súas portas os días 27 e 29 de decembro, coas seguintes actividades previstas:

  • Obradoiros familiares 'Pintacuento' (11.30 a 12.30): As persoas asistentes poderán coñecer a historia de María Pita, a heroína da Coruña, ao tempo que descubren as personaxes principais e escenarios onde aconteceu a súa loita pola cidade. A actividade está recomendada para menores de entre 5 e 9 anos.
  • Percorridos guiados 'A voz da loita' (de 18.00 a 18.50; e de 19.00 a 19.50 horas): As persoas asistentes poderán asomarse ás estancias da casa de María Pita para coñecer a evolución e contexto histórico da cidade no que xorde a figura da heroína, tamén os aspectos máis relevantes da contenda na que María Pita foi, sen dúbida, a gran protagonista.

Por outra banda, na Casa Museo Casares Quiroga ofreceranse dúas xornadas cos percorridos guiados 'Pegadas históricas'. Terán lugar os días 28 e 30 de decembro, sempre en dúas quendas (11.00 a 12.00; e de 12.15 a 13.15 horas).

O público asistente poderá gozar cunha visita ás diversas estancias da casa da familia Casares Quiroga, achegándose a momentos de grande relevancia histórica e política na cidade. Tamén á figura de María Casares, que este ano, e co gallo do centenario do seu nacemento, foi unha das figuras centrais na programación de actividades do Concello a través da área de Cultura.

Xa os días 3 e 4 de xaneiro, a Casa Museo Picasso acollerá diversas actividades orientadas tanto aos máis pequenos como ao público adulto.

  • Obradoiros familiares (11.30 a 12.30): As persoas asistentes poderán coñecer a vida e obra de Pablo Picasso a través da experimentación coa técnica de gravado. Ademais, abordaranse as características da técnica para poder facer creacións propias. A actividade está recomendada para menores de entre 6 e 12 anos.
  • Percorridos guiados 'Olladas abstractas' (18.00 a 18.50; e 19.00 a 19.50 horas): A casa da familia Picasso é o punto de partida para achegarse non só á súa obra, senón tamén a aspectos persoais que marcaron a traxectoria artística de Pablo. A actividade está ideada para o público xeral.

Todas as actividades, que serán de balde, estarán limitadas a 15 prazas por quenda, por cuestións de capacidade nas casas-museo.

A inscrición poden levarse a cabo a través do teléfono 981 189 854, en horario de martes a sábado (11.00 a 13.30; e 18.00 a 20.00 horas).

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión