Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de outubro de 2026

O novo Espazo Cultural Manuel María abre as súas portas na Coruña como punto de encontro para a lingua e a cultura galega

Gonzalo Castro destacou que “a apertura deste espazo reforza o papel da Coruña como cidade comprometida coa promoción da cultura galega e coa creación de novos lugares para o encontro e a participación”

 O novo Espazo Cultural Manuel María abriu hoxe as súas portas na rúa do Socorro cun acto de inauguración no que participou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, xunto ao presidente da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, Alberte Ansede, representantes institucionais e membros do tecido cultural e asociativo da cidade.

O novo equipamento nace coa vocación de converterse nun lugar de referencia para a difusión da cultura galega, a participación cidadá e a dinamización social, inspirado nos valores que representaron Manuel María e Saleta Goi ao longo das súas vidas. O Concello da Coruña colabora con este novo espazo cultural a través dun convenio coa Fundación Manuel María.

Durante a inauguración, Gonzalo Castro puxo en valor a importancia de incorporar novos espazos culturais á vida da cidade. "A apertura deste espazo é unha excelente noticia para a Coruña. Falamos dun proxecto que mantén viva a memoria de Manuel María, pero que mira claramente cara ao futuro, creando oportunidades para a formación, a creación artística e a promoción da nosa lingua e da nosa cultura", sinalou o edil.

Castro destacou tamén o compromiso do Goberno de Inés Rey co fortalecemento do ecosistema cultural da cidade. "Desde o Concello apoiamos todas aquelas iniciativas que contribúen a ampliar a oferta cultural, fortalecer o tecido asociativo e crear novos espazos de encontro para a cidadanía. Este novo centro enriquecerá a vida cultural da Coruña e axudará a seguir difundindo o legado dun dos autores fundamentais das nosas letras", afirmou.

Un espazo para a cultura e a participación

A inauguración coincide ademais co aniversario do nacemento de Manuel María, ocorrido o 6 de outubro de 1929 en Outeiro de Rei, unha data especialmente simbólica para a apertura dun equipamento chamado a prolongar o seu legado cultural e humano. O novo espazo funcionará como centro de actividades culturais, formativas e divulgativas, aberto a públicos de todas as idades. A súa programación inicial inclúe cursos de iniciación á percusión tradicional galega, pandeireta e baile tradicional impartidos por Mario Figueira, así como a actividade de canto colectivo Cantar de cantares, coordinada por Rafa Seixo. As actividades serán gratuítas durante o que resta de 2026.

Ademais, o Espazo Cultural Manuel María acollerá concertos, presentacións, encontros e propostas arredor da lingua, da literatura e da cultura galegas. Entre as primeiras citas programadas figura o concerto 'De Manuel María a Begoña Caamaño', protagonizado por Uxía, acompañada por Santi Cribeiro e Sérgio Tannus, previsto para o vindeiro 16 de outubro.

Manuel María e a Coruña

Durante a súa intervención, Gonzalo Castro lembrou a estreita relación que Manuel María e Saleta Goi mantiveron coa cidade da Coruña, onde residiron nos seus últimos anos e desenvolveron unha intensa actividade cultural e social. "Manuel María forma parte da mellor memoria cultural da nosa cidade. A Coruña foi a súa casa e esta nova iniciativa contribúe a manter vivo o seu pensamento, a súa obra e os valores de compromiso coa lingua, coa cultura e coa xustiza social que sempre defenderon el e Saleta", concluíu Castro.

O Concello da Coruña colaborará coa Fundación Manuel María nas actividades de difusión cultural que se desenvolverán neste novo espazo, que aspira a converterse nun punto de referencia para a creación, o debate e a promoción da cultura galega na cidade.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión