Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de outubro de 2022

O Concello aproba a modificación puntual do plan xeral para facilitar as melloras en equipamentos públicos e axilizar os trámites que permitan ampliar hospitais ou centros educativos

O portavoz municipal anuncia un modificativo de 4 millóns de euros para impulsar investimentos económicos, educativos e deportivos na cidade

José Manuel Lage avanza que o Gobierno municipal impulsará a asignación de fondos para o reequilibrio económico do clube do mar e para impulsar a Cidade das TIC

O pleno ordinario celebrado hoxe aprobou unha modificación do Anexo de subvencións para facilitar a dúas entidades, a UNED e o Ateneo Republicano, a xestión dos fondos muncipais que reciben ambos organismos. Durante o debate, o portavoz municipal e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, anunciou que o Goberno de Inés Rey levará a Pleno para a súa aprobación un novo modificativo de crédito cun importe de máis de 4 millóns de euros.

O obxectivo desta iniciativa é aumentar o investimento e traballar en melloras no eido cultural, nas infraestruturas e nas políticas sociais da cidade. O portavoz municipal apuntou que este modificativo permitirá, entre outras cuestións, reequilibrar a situación económica do Club do Mar, melloras nas Escolas Infantís Municipais e un maior investimento na Cidade das TIC. "Temos a vontade de escoitar a todas as partes e chegar a acordos para cubrir necesidades e cuestións que poidamos atender con este modificativo", sinalou José Manuel Lage.

Cambios no PXOM

Ademais, o pleno aprobou inicialmente hoxe a modificación puntual do Plan xeral de ordenamento municipal no referido á denominada norma zonal 8, que regula as condicións edificatorias e de uso aplicables ás parcelas de equipamentos.

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, explicou que esta medida supón a supresión con carácter xeral da obrigatoriedade da redacción dun estudo de detalle para calquera intervención nun equipamento que supoña un incremento de volume, por mínimo que sexa. "Buscamos adaptar a formulación á realidade dos equipamentos da nosa cidade, facilitando as mellores e a ampliación das dotacións que cada día usa a cidadanía, mellorando así a súa calidade de vida e os seus espazos diarios", apuntou o concelleiro, que tamén destacou que esta modificación permitirá a implantación de novas dotacións na Coruña que ata o de agora requirían unha tramitación demasiado complexa.

"O Goberno de Inés Rey tivo claro desde o comezo do mandato que era unha prioridade modificar o PXOM para acabar con estas trabas, e con ese fin fomos quen de encargar a redacción da documentación necesaria e a súa aprobación en Xunta de Goberno Local", engadiu Díaz Gallego. Os efectos non desexados da citada norma zonal 8 lastraron, desde a aprobación do PXOM no 2013, intervencións, melloras, ampliacións e obras novas relacionadas con equipamentos públicos e privados da cidade.

O documento que foi aprobado incorpora tamén cambios nas determinacións urbanísticas do Campus de Elviña, solicitadas pola propia Universidade da Coruña, así como cambios nos equipamentos existentes e a incorporación de novos equipamentos por solicitude dos servizos municipais. O documento limita a necesidade de presentar estudos de detalle a casos moi concretos e situacións singulares. Algúns dos equipamentos que se beneficiarán desta modificación serán centros educativos, centros sanitarios e equipamentos asistenciais, que poderán ampliarse e implantar melloras con tramitacións máis áxiles. "Cubrir o patio dun colexio, ampliar un equipamento asistencial ou un centro de saúde, por poñer exemplos concretos, non pode supoñer unha tramitación superior a un ano", apuntou Díaz Gallego.

O concelleiro sinalou que esta modificación corrixirá erros como a consideración como equipamentos privados de equipamentos que son públicos, como o cemiterio de Oza, o colexio Sal Lence ou a biblioteca González Garcés. Ademais, incorporaranse novos equipamentos por petición desta e doutras administracións, como a ampliación do CEIP de Novo Mesoiro ou o novo campo de rugby solicitado polo CRAT. Estes cambios levados a cabo polo Goberno de Inés Rey incrementan a superficie dotacional da cidade, é dicir, os espazos ao servizo da cidadanía.

Declaracións institucionais

No pleno a alcaldesa, Inés Rey, leu tres declaracións institucionais pactadas entre todos os grupos da corporación. Unha delas foi unha declaración en apoio ao sector pesqueiro coruñés e galego fronte ao novo regulamento da Unión Europea que prexudica moi gravemente a pesca de arrastre.

Por outra banda, a alcaldesa tamén leu unha declaración de compromiso e apoio do Concello da Coruña para eliminar a hepatite C da sociedade e outra de recoñecemento do persoal investigador da Fundación Nóvoa Santos para regular o seu convenio colectivo.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión