Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de maio de 2021

O programa de lecer saudable Nocturnia volve con 140 actividades para a mocidade

A inscrición para a programación da primeira fin de semana comeza hoxe ás 16.00 h a través do portal web municipal www.coruna.gal/nocturnia

O Concello pon en marcha unha nova edición de Nocturnia, o programa de lecer saudable para a xuventude que se estenderá ata o mes de agosto. Este programa, organizado desde o Servizo de Participación e Mocidade, busca achegar e proporcionar alternativas de lecer e tempo libre que respondan aos intereses e ás inquietudes da mocidade de entre 12 e 30 anos da cidade. A inscrición para as actividades da primeira fin de semana comeza hoxe ás 16.00 h. a través do formulario web no portal municipal www.coruna.gal/nocturnia.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, sinalou que "Nocturnia permitiralle á mocidade coruñesa gozar de máis de 140 actividades nos meses de maio a agosto" e explicou que na programación desta edición "as artes escénicas entran con forza, desde danza experimental a actividades de aéreos, pasando por laboratorios de creación escénica e actividades de iniciación teatral". Neira apuntou que o Goberno de Inés Rey ten un compromiso firme coas alternativas de lecer saudables para a xuventude da cidade.

Esta edición de Nocturnia comezará coas capacidades reducidas, tanto no interior coma no exterior, adecuadas á normativa sanitaria vixente. A medida que as autoridades sanitarias competentes vaian anunciando cambios, o programa irá adaptando a capacidade das súas actividades ás directrices marcadas para as actividades de infancia e mocidade.

O programa contará tamén coas súas esperadas actividades ao aire libre e de posta en valor de espazos naturais e urbanos a través de rutas interpretativas na cidade e en diferentes zonas de Galicia, de navegacións diúrnas e nocturnas en goleta pola costa Ártabra e de actividades no medio acuático como pádel surf e kaiak. A estas uniranse propostas deportivas xa coñecidas polas/os participantes de Nocturnia como a escalada en rocódromo e na roca, ou a esgrima á que sumamos como novidade a modalidade de esgrima láser. A mobilidade consciente tamén se abre paso en Nocturnia coa realización de rutas en bicicleta para descubrirmos as posibilidades cicladas da cidade e os beneficios dunha mobilidade alternativa. Ademais, a creatividade en todas as súas manifestacións terá un sitio preferente no programa e dela darán boa conta todos os talleres artísticos e artesanais que podemos atopar para esta edición: colaxe coa natureza, string art ou arte con cordas, estampaxe e carvado, encadernación manual ou reciclaxe de palés.

Nocturnia conta cun protocolo de actuación de aplicación en todas as actividades e que se pon en coñecemento das persoas que queren participar no programa unha vez que realizaron a inscrición. Dada a situación sanitaria na que nos atopamos, a participación nas actividades estará condicionada á aceptación deste protocolo mediante unha declaración responsable.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión