16 de agosto de 2024
A concelleira Diana Cabanas recibiu hoxe o presidente da asociación Coruña Veteran Cars, impulsora do rally, e a parte dos participantes
Como cada ano por estas datas, A Coruña acolle o Rally Teresa Herrera de coches clásicos, unha cita que cumpre a súa 32ª edición e que xa é un clásico do calendario estival da cidade nesta tempada de festas.
Esta mañá, a concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, recibiu no Palacio Municipal de María Pita a Alberto Garrido, presidente da asociación Coruña Veteran Cars -organizadores do evento, coa colaboración do Concello-, e a máis de medio cento de participantes nesta cita, chegados desde moitos puntos de todo o país.
"Este é un evento único, que vai máis alá do mundo do motor", destacou Cabanas, que apuntou precisamente á "paixón e compromiso" amosados polas e polos participantes no Rally, moitos deles procedentes de Galicia e, nalgúns casos, de cidades como Madrid, Alacante e Ávila. A concelleira subliñou, ademais, a implicación da Coruña Veteran Cars para seguir desenvolvendo, ano tras ano, o Rally na Coruña.
Ata este domingo, máis de 40 vehículos converterán a cidade e a súa área metropolitana practicamente nun escenario de película de época. "Moitos dos coches clásicos que veremos nos vindeiros días nas rúas son case pezas de arte", expuxo Cabanas, que convidou a cidadanía a non perder as exhibicións previstas en María Pita e a súa contorna ás tardes.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible