3 de novembro de 2026
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou a aposta do Goberno de Inés Rey por promover o deporte base e dar visibilidade ás disciplinas urbanas
A competición, que se celebrará o 7 de novembro na modalidade Street, reunirá novas promesas do skate galego nas categorías Sub 7, Sub 10, Sub 12, Sub 15 e Promesas
O Skatepark de Eirís será o escenario este sábado 7 de novembro da final do Circuíto Galego Júnior de Skateboarding 2026, unha das citas destacadas do calendario autonómico desta disciplina, na que se decidirán os títulos da temporada nas diferentes categorías.
A competición, organizada pola Federación Galega de Patinaxe coa colaboración do Concello da Coruña, reunirá deportistas procedentes de distintos puntos de Galicia nunha xornada dedicada ao skateboarding e ao talento das novas xeracións. A proba disputarase na modalidade Street, unha das disciplinas olímpicas do skate, e contará con participación nas categorías Sub 7, Sub 10, Sub 12, Sub 15 e Promesas.
A cita permitirá tamén poñer en valor o talento deportivo coruñés nunha disciplina que conta con referentes como Julia Benedetti e Luis Cabarcos, dous nomes vinculados ao skateboarding da cidade que contribúen a dar visibilidade a este deporte e a espertar o interese das novas xeracións.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou a importancia de acoller na Coruña competicións destas características, que contribúen a fomentar a práctica deportiva entre a mocidade. "Queremos que todas as modalidades deportivas teñan o seu espazo na cidade e que as novas xeracións conten con oportunidades para iniciarse e progresar", sinalou o edil, que tamén puxo en valor o crecemento do skateboarding e a necesidade de "dar visibilidade aos seus deportistas e facilitar instalacións adecuadas para a práctica desta disciplina".
Neste sentido, Vázquez puxo en valor a traxectoria de deportistas como Julia Benedetti e Luis Cabarcos como exemplo do potencial do skateboarding coruñés e da importancia de seguir promovendo esta disciplina entre a infancia e a mocidade.
O concelleiro destacou o Skatepark de Eirís como unha instalación municipal que permite impulsar disciplinas deportivas cunha crecente implantación entre a mocidade. "Contar con espazos destas características é fundamental para promover os deportes urbanos e facilitar a súa práctica entre as novas xeracións", sinalou o edil.
A xornada comezará cos adestramentos oficiais, previstos entre as 12.00 e as 14.00 horas, mentres que a competición arrancará ás 15.00 horas. Para participar será necesario dispoñer da licenza federativa en vigor.
A celebración desta proba supón unha nova oportunidade para promover o deporte base e achegar o skateboarding á cidadanía, poñendo o foco nunha disciplina que combina técnica, creatividade e superación persoal. Ademais, permitirá dar a coñecer o potencial do Skatepark de Eirís como espazo municipal para a práctica e o desenvolvemento dos deportes urbanos.
A cita do sábado porá o broche final ao Circuíto Galego Júnior de Skateboarding 2026 e permitirá coñecer os novos campións e campioas galegos de Street nas distintas categorías.
Datos da competición

13 de novembro de 2026

13 de novembro de 2026

7 de novembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible