Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de xullo de 2020

O Teatro Rosalía Castro recupera o seu ritmo habitual cun novo semestre do Ciclo Principal

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, e o director Paulo Rodríguez presentaron esta mañá unha programación que contará con Verónica Forqué, Juan Diego Botto ou Ernesto Alterio e que abordará novelas como “O Quixote” e a Lorca ou fitos históricos como o golpe de Pinochet

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, e o director do Teatro Rosalía Castro, Paulo Rodríguez, presentaron o segundo semestre do Ciclo Principal. O edil recordou a honra que supón para esta cidade que o recinto celebre o seu 180 aniversario porque "cando te atopas cun edificio como este, pregúntaste pola cantidade de xente que pasou por aquí e que fixo que todo isto tivera sentido".

Para a nova entrega, rescatarán funcións que estaban previstas para esta primavera e que se tiveron que suspender pola pandemia. Deste xeito, o apartado incluirá o 24 e o 25 de setembro, a obra "Nekrassov", de Jean-Paul Sartre, dirixida por Dan Jemmett e protagonizada polo Teatro de La Abadía. En decembro, a programación ofrecerá a posta en escena o 4 e o 5 de "Sueño de Una Noche de Verano", de  William Shakespeare, nunha versión de Carolina África, baixo a dirección de Bárbara Lluch. A xove Compañía Nacional de Teatro Clásico contará cun elenco formado por Mariano Estudillo, Teresa Lozano e Anna Maruny, entre outros. Neste caso, o teatro deu a opción no seu momento de conservar a entrada ou devolvela, polo que as persoas que conservaron as súas localidades poderán desfrutar dos espectáculos nestas novas datas.

Ademais, o calendario completarase con "Andanzas y Entremeses de Juan Rana", de Calderón de la Barca, Agustín Moreto e outros, o 9 e o 10 de outubro, unha coprodución de CNTC e Ron Lalá que conta con Yayo Cáceres á fronte. A peza fará reflexionar á butaca sobre os límites do humor nunha homenaxe a unha figura esencial do teatro clásico español. O 17, o teatro acollerá "Don Quijote somos todos", unha comedia inspirada na novela de Cervantes coa dirección de Carlos Martín, en que Teatro del Temple aborda os esforzos dun pobo manchego, de cuxo nome ninguén se acorda, por non desaparecer para sempre.

Neste mes haberá tamén teatro galego con "A conquista da escola de Madhubai", de Hélène Cixous, o 23 e 24, baixo a dirección de Xúlio Lago. Teatro do Atlántico escolle, esta vez, a historia de Salundeva, unha bandida, perseguida pola policía e o exército, acusada do asasinato de máis de trinta homes que a violaran tempo atrás. Por último, o 30 e 31 de outubro, poderase ver "A Compañeira de Piso", de  Jen Silverman nunha adaptación de Lilian Portela, dirixida por Belén Pichel e Candido Pazó. Contraproducións recrearase na vida de Sharon (Patricia Vázquez), unha ama de casa de cincuenta e pico anos e recentemente divorciada.

Novembro estrearase o 6 e o 7 con "Shock, el cóndor y el puma", que colle recortes de "La doctrina del shock", de Naomi Klein e mais da historia recente. Andrés Lima encabeza unha coprodución do Centro Dramático Nacional en colaboración con Check-in Producciones, en que se revisa o golpe de estado do xeneral Pinochet e que colocará sobre as táboas a Ernesto AlterioRamón BareaNatalia Hernández, entre outros. O 19, o Rosalía programará "Vidas enterradas", construída por L'Om Imprebís, Teatro del Temple, Micomicón Teatro e Teatro Corsario a partir do programa da Cadena Ser e os textos de Mafalda Bellido, Juan Mayorga, Juan José Millás, Alfonso Plou, Laila Ripoll e Pepe Viyuela. Na obra rescátase a vida e a morte de persoas asasinadas durante a Guerra Civil e o franquismo. Neste caso, será un espectáculo de proximidade e pequeno formato que se realizará en distintas estancias do edificio do Teatro Rosalía Castro, polo que haberá que subir escaleiras. Terá dous pases ás 18.00 e ás 20.30 horas, ambos con capacidade para un máximo de 50 persoas por función, que serán divididos en dous grupos de 25.

"Ana (también a nosotros nos llevará el olvido)", de Irma Correa, chegará o 20 e 21 de novembro da man de Coproduce Unahoramenos e Teatro Pérez Galdós para recordar todas esas pequenas vitorias das mulleres que nos antecederon e o 27 e o 28, "Una noche sin luna", de  Juan Diego Botto, sobre os textos de Federico García Lorca, fará conmover ás e aos espectadores cun Botto tamén protagonista que falará de Lorca desde a sensibilidade do século XXI.

Xa en decembro, poderase desfrutar o 15 de "Madre coraje", de  Bertolt Brecht, nunha produción do Teatro Arriaga e o ciclo pecharase o 18 e o 19 con Verónica Forqué en "Las cosas que sé que son verdad", de  Andrew Bovell, baixo a dirección de Julián Fuentes Reta.

Abonos

As e os abonados poderán renovar os seus carnés do 28 de xullo ao 4 de setembro, ambos os días incluídos, no despacho de billetes da praza de Ourense de luns a venres, ou a través do servicio de televenda: 662867109. Terán reservada a localidade que ocuparon no ciclo na tempada de primavera 2020, a condición de que manteñan o mesmo tipo de abono. As e os interesados en cambiar de asento, de localidade ou de día deberán proceder a formalizar estas modificacións o 7 de setembro polas canles antes citadas.

Ademais, as persoas que se queiran afiliar ao ciclo poderán facelo o 8 e 9 de setembro e a venda de entradas soltas comezará a partir do día 14 de setembro.

O recinto seguirá as indicacións das autoridades sanitarias en cada momento para a prevención da COVID-19. En todas as funcións será obrigatorio o uso da máscara, e segundo o marque a normativa actual -que pode cambiar segundo as circunstancias- a ocupación máxima do teatro será de até un 75% da súa capacidade.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión