8 de outubro de 2026
A programación inclúe concertos, actividades infantís, concursos, exhibicións deportivas e actos tradicionais
O barrio do Ventorrillo celebra desde este venres e ata o luns 12 de outubro unha nova edición das súas festas patronais, cun programa pensado para todos os públicos e que combina música, actividades infantís, tradición popular, gastronomía e propostas culturais organizadas pola Asociación Veciñal do Ventorrillo co apoio do Concello da Coruña a través das subvencións para a celebración de festas nos barrios.
A programación arranca este venres, 9 de outubro, a partir das 17.30 horas, con actividades infantís a cargo de Axiña Animación, unha exhibición da Academia da Espada e o pregón a cargo de Luis Suárez Santos e Adelaida Pittaluga Albo, ás 21.00 horas. A xornada rematará, a partir das 22.00 horas, coa verbena do grupo Claxxon e unha sesión musical de Key's DJ.
O sábado 10 será unha das xornadas centrais das festas, con contacontos musicais, exhibicións de swing e lindy hop, sesión vermú, o concurso infantil 'Talento do Vento' e unha homenaxe a Pucho Boedo. A noite, a partir das 21.30 horas, estará marcada pola actuación da orquestra Los Satélites e do cantante Paco Lodeiro, seguida dunha sesión de DJ con Hugo Mosquera e DFranco.
O domingo 11 desenvolverase unha nova edición de O Mercado do Vento, un mercado de artesanía que compartirá protagonismo con actividades como unha clase aberta de tai-chi, actuacións musicais, concursos de karaoke e os concertos de Señales de Fatiga, Os Piñeiros e Clandestinos.
As celebracións rematarán o luns 12 de outubro cun programa que inclúe pasarrúas, exhibicións de baile e música en directo, ademais dunha tradicional batalla de galos como peche do programa festivo.
As festas do Ventorrillo constitúen unha das citas destacadas do calendario festivo dos barrios da cidade e un exemplo do papel dinamizador que desenvolven as asociacións veciñais na organización de actividades abertas á cidadanía. O Concello da Coruña anima á veciñanza a participar nun programa que combina tradición, cultura e lecer, reforzando os lazos comunitarios e a convivencia no barrio.

10 de novembro de 2026

10 de novembro de 2026

7 de novembro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible