Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de setembro de 2022

O investigador Enrique Pérez Montero recibo o premio especial do xurado

Os premios Prisma recoñecen o talento de sete proxectos pola súa innovación na divulgación científica

‘Camino a Congreso’, ‘Yonki Books’, ‘Acoso’, ‘Historia de un secuestro genético’, ‘La Lupa Sónica’ e ‘Dones de Ciencia’ foron os traballos escollidos polo xurado nesta edición

O xurado dos XXXV Premios Prisma Casa das Ciencias á divulgación científica decidiu este sábado os proxectos e as persoas gañadoras das sete categorías desta edición. Tras a xuntanza mantida onte e esta mañá, os expertos decantáronse por ideas e traballos que apostasen pola innovación e a súa capacidade para achegar ao gran público diferentes cuestións científicas.

Os traballos gañadores das diferentes categorías foron os seguintes:

  • Mellor traballo en vídeo: Camino a Congreso, unha webserie do IAA-CSIC, por unha ficción audiovisual de gran calidade técnica que retrata con humor a cotiandade nun equipo científico.

  • Mellor traballo en novos medios: Yonki Books, de Oihan Iturbide, por achegar recursos de gran calidade, con riqueza de formatos e perspectivas, sobre as adiccións, un problema rodeado de estigmas e prexuízos.

  • Mellor libro editado: Acoso, de Ángela Bernardo Álvarez en Next Door Publishers, por presentar unha investigación rigorosa sobre o acoso, un problema de gran transcendencia que afecta os dereitos fundamentais das persoas que fan ciencia.

  • Mellor artigo xornalístico: Historia de un secuestro genético: así fue como una mosca robó "superpoderes" a una planta, de Jesús Méndez González en Agencia SINC, por converter unha investigación de ciencia básica e moi pouco coñecida nunha historia fascinante de gran calidade xornalística.

  • Mellor traballo en radio: La lupa sónica, un podcast de María Teresa Pérez Cidoncha e Xaviera Torres Joerges, por achegar a ciencia á rapazada cun estilo innovador e un deseño sonoro de grande calidade.

  • Mellor proxecto singular: Dones de ciencia, promovido pola Universidad Politécnica de Valencia, por visibilizar a científicas contemporáneas nun proxecto de amplo alcance que combina arte e ciencia coa a participación da cidadanía.

Ademais, o xurado decidiu outorgar o Prisma Especial do Xurado a Enrique Pérez Montero, investigador do IAA-CSIC, por promover unha divulgación que achega a ciencia ás persoas con discapacidade visual e fai reflexionar ao conxunto da sociedade.

Tamén se decidiu outorgar as seguintes mencións honoríficas:

  • Na modalidade de Libro editado a La ciencia del chup chup, de Elena Sanz en Editorial Planeta.

  • Na modalidade de Proxecto singular a Talentos inclusivos, da Universidade da Coruña e ASPACE.

O xurado desta edición estivo presidido por Pampa García Molina, xornalista científica e coordinadora do Science Media Centre España. O resto de persoas que o compuxeron foron: María Viña Rebolledo, xefa de sección técnica do MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía); Núria Jar Benabarre, xornalista científica; Isidora Fernández Bañados, creative engagement specialist en Science for Change; Félix Sánchez-Tembleque Díaz-Pache, técnico superior no CITEEC- Universidade da Coruña; e Iván Rodríguez Arós, artista especializado en divulgación científica en Divulgare-Universidade de Vigo. Marcos Pérez Maldonado, xefe de servizo dos Museos Científicos Coruñeses, actuou como secretario.

Os premios Prismas son unha iniciativa do Concello da Coruña, a través dos Museos Científicos, que pretende potenciar a difusión da cultura científica en España, e apoiar a todos os profesionais que traballan neste campo. A entrega dos premios terá lugar nun acto que se celebrará o sábado 19 de novembro na Coruña. 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión