Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

  • Compartir
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Cando:

16 de novembro de 2020

Patrimonio dálle luz verde á reforma da contorna do mercado de San Agustín

A proposta presentada polo Goberno local recolle as achegas de praceiras/os, veciñanza e comerciantes. O proxecto non impedirá o tránsito de vehículos polas rúas Marqués de Pontejos, Pío XII, San Agustín ou Xoán XXIII. Amplíase o estacionamento para persoas residentes e prazas de rotación forzosa para garantir a accesibilidade en todo o ámbito.

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá que o Concello da Coruña conta xa co informe favorable do Consello Territorial de Patrimonio da Xunta para levar a cabo a reforma da contorna do mercado de San Agustín. Desde a Concellería de Urbanismo e Mobilidade, explican que o proxecto adáptase ás propostas de intervención no espazo público recollidas polo Plan especial de protección e reforma interior da Cidade Vella e Peixaría, PEPRI, aprobado definitivamente en xaneiro de 2015. A proposta presentada polo Goberno local recolle as achegas de praceiras/os, veciñanza e comerciantes.

Neste senso, o proxecto, que xa conta coa supervisión municipal e co informe favorable de Patrimonio, non establece ningunha actuación que impida o tránsito de vehículos polas rúas Marqués de Pontejos, Pío XII, San Agustín ou Xoán XXIII. Con todo, explican desde a concellaría, un estudo de mobilidade sinala a necesidade de restrinxir o tráfico en determinados horarios, unha restrición que, polo momento, non se vai executar e que, tal e como se acordou, pactarase coa veciñanza e coas/cos comerciantes. Villoslada aclarou que a supresión total da circulación nunca formou parte do proxecto e lembrou que estas obras se desenvolverán xunto a outras actuacións encamiñadas a melloraren a accesibilidade no barrio, como son o proxecto de comunicación vertical entre Panadeiras e Pío XII e o plan para lle dar continuidade ao bus urbano até a rúa Sol, co fin de que o transporte público chegue até a zona do mercado.

A actuación, que conta cun orzamento de 822.579 euros, estipula zonas de estacionamento regulado para persoas residentes (que non existen na actualidade), maiores zonas de carga e descarga e prazas de rotación e garante a accesibilidade en todo o ámbito, xunto cun aumento significativo das zonas peonís, xa que con esta iniciativa o concello busca darlles prioridade ás areas peonís e humanizar a zona.

O proxecto, redactado polo estudo LCG Arquitectura, representa unha mellora notable nos espazos peonís da contorna de San Agustín dotándoos de mellores calidades no pavimento e maior superficie. Plantaranse árbores e instalarase novo mobiliario urbano. Ademais, está previsto que se reordenen as áreas de aparcadoiro, co fin de que que non lle afecten á mobilidade peonil, que se verá potenciada coa peonalización dun pequeno tramo da rúa entre o mercado e a igrexa de San Xurxo. Ademais, a reordenación tamén permitirá unha mellor visualización do mercado, proxectado nos anos 30 polos arquitectos Santiago Rey Pedreira e Antonio Tenreiro Rodríguez.

O edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, sinalou que a proposta, que lles foi presentada ás praceiras e aos praceiros en xullo nunha reunión no propio mercado, recolle as achegas deste colectivo, así como da veciñanza e das e dos comerciantes. Lembran que en xullo tamén se lles presentou a actuación ás persoas integrantes da Mesa da Cidade Vella e á Asociación de Vendedores do Mercado de San Agustín. En concreto, en resposta á petición das praceiras e praceiros, conservaranse prazas de aparcadoiro de rotación forzosa dun máximo dunha hora. De feito, sinalan, esta medida xa se está incorporando na contorna de todos os mercados da Coruña e doutras cidades. Canto ao resto das prazas de estacionamento, o Goberno local apuntou que se destinarán ás persoas residentes, tal e como se acordou coa veciñanza do barrio, que leva tempo reclamando máis prazas debido á falta de garaxes na zona.

Doutra banda, o pasado 13 de outubro os concelleiros de Urbanismo e de Comercio, Juan Díaz Viloslada e Diana Cabanas, mantiveron unha reunión coa asociación Área Obelisco, en que as e os comerciantes presentaron as súas suxestións e o concello comprometeuse a executar as obras sen realizar cortes de tráfico que serían acordados máis adiante.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión