Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de xaneiro de 2023

A Coruña en Madrid Fusión

Preto de 75.000 persoas pasaron polo posto da Coruña na feira internacional Madrid Fusión

O público que visitou o posto da Coruña puido degustar a ‘tosta de San Xoán’, mexillóns en escabeche con algas, lacón con grelos e chourizo, callos á galega, empanada de xoubas ou guiso de polbo e legumes

A Coruña culmina a súa participación na feira gastronómica internacional Madrid Fusión con éxito de asistentes. Preto de 75.000 persoas pasaron polo espazo de Saborea España, no que se sitúa A Coruña e o seu mostrador. Durante os tres días que durou este congreso gastronómico de proxección nacional e internacional, no posto de Saborea A Coruña houbo degustacións de produtos e pratos da cociña da cidade, talleres e demostracións en directo, emitidos tamén en directo, vía streaming, que chamaron a atención e espertaron a curiosidade do público procedente de distintos sectores e ámbitos xeográficos. O posto coruñés recibía onte a visita da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, acompañada do presidente de Hostalería de España, José Luis Yzuel, e de Susi Díaz, presidenta de Saborea España.

O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos, preparou un intenso programa de talleres, demostracións en directo de chefs da cidade e degustacións de produtos para mostrar a oferta gastronómica da cidade nesta vixésimo primeira edición da feira internacional Madrid Fusión. Encabezaban a delegación coruñesa Sheila Barbeito, cociñeira do Restaurante Roots, gañadora do Concurso de Tapas Picadillo 2022 na categoría creativa e finalista no Concurso Nacional de Tapas de Valladolid 2022 e Gonzalo Cotelo, cociñeiro do Restaurante Morriña, gañador do Concurso de Tapas Picadillo 2015; en 2019 destacado pola mellor tapa tradicional e en 2020 pola mellor tapa en categoría maridaxe. O Goberno de Inés Rey completou a exposición do potencial da cidade como destino turístico nesta feira gastronómica, tras a presentación da oferta cultural e de lecer a pasada semana en Fitur.

Na terceira xornada da feira, tras empezar o día con bica de Amasarte, Infusións Orballo e produtos de Acastrexa no posto da Coruña, Gonzalo Cotelo encargouse do Taller de tapas: Bocados da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas con Paula Patiño, de Acastrexa, e as persoas asistentes puideron degustar mexillóns en escabeche con algas de PortoMuíños, patacas Bonilla a la vista e vermú ecolóxico Lodeiros. Tamén houbo ocasión de probar callos á galega, elaborados por Gonzalo Cotelo e Gyozas Picadillo, por Sheila Barbeito, con viños Pagos de Brigante e Bodegas Bordel. Para o momento doce: canas recheas de Amasarte.

Neste congreso gastronómico internacional, La Empanada Viajera ofreceulle ao público empanada de xouba, e tamén houbo espazo para "a tosta de San Xoán" (sardiña afumada sobre broa e marmelada de pemento de Acastrexa) ou lacón con grelos e chourizo.

Durante os tres días da feira o posto de Saborea A Coruña ofreceulles ás persoas visitantes produtos da Lonxa da Coruña, Bodegas Pagos de Brigante, Bodegas Bordel, Vermut ecolóxico Lodeiros, Acastrexa, Os Biosbardos, Conservas La Pureza, PortoMuíños, Queixos Cagiao, Infusións Orballo, Bonilla a la vista, La Empanada Viajera e Amasarte.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión