Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de setembro de 2021

Que como empecei a correr? Pois, sinxelamente, foi un frechazo a primeira vista.

Artigo de Inés Papín, corredora popular

No ano 2011 non era habitual ver unha carreira popular na túa cidade, a verdade é que eu nunca vira nin corredores polas rúas, pero ás veces, o destino ponse da túa parte e atopeime vendo en Santa Cruz a carreira popular na que participaba a miña irmá Noelia. O recordo que teño desa carreira é o sufrimento das/os participantes subindo aquelas costas, pero sobre todo, as caras de todas/os e cada un das/dos na chegada á meta. Facía tempo que non vía tanta cara de satisfacción, de sorrisos, de apertas, de ledicia; a verdade é que non lograba entender o motivo, pero o que si sentín foi un desexo tremendo de querer estar aí!

No meu interior pensaba que iso era imposible, pasaba dos 40, nunca fora unha deportista, nin sequera era habitual nos ximnasios, e o que menos imaxinaba era que mes e medio despois lograría ser unha deles/as.

Foi a miña irmá Noelia a que me animou, como só ela sabe, a comezar a correr, desesperándome porque o primeiro día só puiden aguantar 3 minutos correndo, pero ela seguía animándome, insistindo que era posible, que o próximo día correría 5" e despois 10" e cando me dese conta estaría a correr 30 minutos seguidos.


Así, atopeime na miña primeira carreira "a Ruta Aquama", carreira de 6 km. que se celebrou en Acea da Ama o 2 de outubro de 2011, da que gardo a lembraza de sentir por primeira vez o pracer de gozar sufrindo, difícil de explicar, mais doado de comprender para os que por sorte probamos e seguimos participando nas populares.

Ao finalizar, aínda case non recuperara folgos, a miña irmá Noelia, véndome a cara de que quería máis, díxome que en Coruña celebrábase unha carreira todos os anos de 10 quilómetros, que era moi bonita e que participaban moitos corredoras/es e que non podía perdela!! Decidín inscribirme, mais desde ese día non puiden deixar de pensar, 10 quilómetros, pero iso é unha barbaridade, non sei se poderei correr 10 quilómetros sen parar, iso é imposible!!

E alí estaba, o 9 de outubro 2011, no medio de case 2000 corredores, nunha festa incrible e cuns nervios que non me abandonarían en todos estes anos cada vez que cos prendedores engancho o meu dorsal.

A saída foi brutal, o medo a non poder terminala bloqueábame, pero como descubrín nese momento, cando oes o disparo pásase todo, as pernas voan e xa non podes parar. Cada quilómetro que avanzaba dábame a impresión de que ía máis rápido, quería chegar, quería saber se era capaz de correr 10 quilómetros, e canto máis me achegaba ao final máis aceleraba o ritmo, ata que crucei a liña de meta coa respiración entrecortada, entendendo as caras de felicidade e satisfacción de todos aqueles corredores e corredoras que vira en Santa Cruz, en Acea da Ama e que hoxe estaban ao meu lado en C10.

Entendín por que todas esas persoas corrían, por que a satisfacción de cruzar a meta é indescritible, por que o corazón que latexa a mil por hora ao chegar vai afrouxando aos poucos e iso convértese en relaxación, en sorrisos, en felicidade.

É unha carreira que me marcou, que nunca esquecerei e á que tento non faltar. Todas cun percorrido e un ambiente inmellorable, vendo nas primeiras posicións aos atletas de verdade que van no aire e que poucas veces tes o gusto de velos voar pola túa cidade.

Desde a primeira vez que vin a chegada de corredor/a a meta tiven claro que eu quería estar aí.

Este ano 2021 cumprirei 10 anos da miña primeira participación en C10. Sigo cos meus nervios cando penso nela, os obxectivos agora son moi distintos: estamos pendentes do percorrido, do tempo que fará, do cronómetro, dos adestramentos, das zapatillas, de non lesionarnos...

Porque somos así e cada ano queremos máis, pero a chegada a meta segue sendo a mesma, o corazón latexando e relaxándose para deixar paso á felicidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión