Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de outubro de 2022

Respaldo unánime do Pleno a solicitar da Xunta o apoio á candidatura da Coruña para a Agencia de Supervisión de Inteligencia Artificial

O voceiro do Goberno municipal anunciou o ofrecemento do edificio da Terraza, nos Xardíns de Méndez Núñez, “un inmoble céntrico, emblemático e xa operativo”, para acoller a sede da AESIA

O Concello, reunido esta mañá en sesión plenaria extraordinaria, aprobou de forma unánime solicitar á Xunta de Galicia que defenda a candidatura da Coruña para acoller a sede da futura Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial (AESIA), toda vez que o Goberno de España deu comezo, o pasado día 13 de setembro, ao proceso de elección para escoller a cidade onde se emprazará a AESIA.

O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, instou á Xunta a cumprir cun dos criterios fundamentais marcados no Informe da Comisión consultiva para a determinación da sede da AESIA, que implica que, no caso de que no ámbito territorial dunha comunidade autónoma se postule máis dunha candidatura, o informe emitido polo Consello de Goberno da comunidade autónoma en cuestión deberá indicar a orde de preferencia de cada unha das localidades.

"En Galicia existen tres candidaturas. Todas elas, con toda a lexitimidade para aspirar a acoller a sede da AESIA, pero A Coruña é a cidade que mellora cumpre os parámetros marcados. Por iso pedimos á Xunta que defenda á Coruña como a primeira opción", sinalou Lage. O voceiro do Goberno municipal detallou polo miúdo os parámetros esixidos polo Estado para acoller a sede, como a existencia dun ecosistema universitario asociado ás novas tecnoloxías. "Non só temos o grao de Intelixencia Artificial, senón que tamén temos a primeira Facultade de Enxeñaría Informática de Galicia", subliñou. "O 58 % dos estudantes de Informática de toda Galicia fórmanse na Coruña. Dos 2.233 alumnos de Enxeñaría Informática que hai en Galicia, 1.307 estudan na Coruña", detallou.

Na Coruña e a súa contorna emprázanse, ademais, o 49,2 % das empresas galegas asociadas ao sector das novas tecnoloxías, sendo a cidade que conta con máis empregos xerados arredor da industria TIC. A Coruña é tamén o municipio galego con máis empresas que integran a Intelixencia Artificial nas súas áreas de negocio. Ademais, a inicios de maio deron comezo as obras da Cidade das TIC, un parque tecnolóxico que contará con 128.000 metros cadrados de superficie, dos que máis dunha cuarta parte estarán dispoñibles para empresas do sector, e no que se instalará unha incubadora de empresas orientada específicamente para a promoción e implantación de Intelixencia Artificial.

Por outra banda, o voceiro do Goberno municipal puxo en valor as infraestruturas e comunicacións da Coruña e a súa contorna, co aeroporto de Alvedro a 15 minutos da cidade e a previsión, por parte do ADIF, de que coa futura estación intermodal haxa unha demanda de 3,8 millóns de pasaxeiros anuais no 2030.

O ofrecemento da Terraza, nos Xardíns de Méndez Núñez, como sede da AESIA

José Manuel Lage anunciou, ademais, o ofrecemento do edificio da Terraza, nos Xardíns de Méndez Núñez, para acoller a sede da AESIA, "unha instalación céntrica, emblemática e operativa". "Ningún concello oferta un inmoble co emprazamento privilexiado e o valor histórico da Terraza, un aspecto a valorar moi positivamente", continuou Lage, que tamén ofertou como espazo complementario a propia Cidade das TIC. 

Lage lembrou as xestións que desde hai tempo está a levar a cabo Inés Rey para armar e defender a candidatura coruñesa. Lage apuntou que a alcaldesa reuniuse o pasado día 5 (o mesmo día no que o BOE publicou os criterios de elección) co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para anunciarlle o interese da cidade en acoller dito organismo. Lage destacou tamén que foi a alcaldesa a que conseguiu desatascar importantes investimentos, como o tren a Langosteira e a intermodal, e demandou da Xunta que se posicione con claridade a favor da candidatura coruñesa: "Non se trata dun trato de favor, trátase de que que recoñeza que obxectivamente somos a cidade mellor posicionada", indicou. 

Todos os grupos votaron a favor da proposta levada ao pleno polo executivo de Inés Rey.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión