Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de novembro de 2020

Rey destaca a innovación como unha ferramenta para medrarmos economicamente e como sociedade

A alcaldesa presidiu esta mañá a entrega dos 33 Premios Prismas “Casa das Ciencias” á Divulgación Científica 2020, en que por mor da Covid-19 se entregou unicamente un galardón á Asociación Astronómica Ío e se homenaxeou a Javier Novelle, recentemente falecido

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe no salón de plenos a entrega da 33 edición dos Premios Prismas "Casa das Ciencias" á Divulgación Científica 2020 xunto a Susana Ladra González, membro do xurado e profesora da UDC, e Marcos Pérez Maldonado, xefe de servizo dos Museos Científicos, que deu lectura das e dos premiados nun ano en que unicamente se fixo entrega dun dos galardóns debido á pandemia.

Por unha parte, Ladra González outorgou a mención honorífica como proxecto senlleiro a "Estrela Rosalía", da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, grazas á cal hoxe existe no firmamento unha estrela co nome da escritora galega máis universal. Un dos seus membros, Martín Pawley, recibiu a distinción nun acto en que Mónica Novelle recolleu o premio Especial do Xurado en nome do seu pai, Javier Novelle, presidente da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, que faleceu en agosto e que obtivo esta mañá o recoñecemento de toda a comunidade científica por unha vida dedicada á divulgación. Rey afirmou que Novelle se foi demasiado pronto "e non chegamos a tempo de lle dar as grazas cun premio de honra, que se merecía desde o momento en que sacou o coñecemento á rúa para facelo durante 25 primaveras máis no Día da Ciencia".

Por outra parte, a alcaldesa explicou que A Coruña sabe diferenciarse con iniciativas pioneiras como os museos científicos: "Proba deste carácter de seu está na proxección dun parque tecnolóxico como o da Cidade das TIC en Pedralonga, en que se lles inxectará innovación a proxectos tanxibles e reais". Rey engadiu que este Goberno local cre na tecnoloxía como unha ferramenta de crecemento económico, "pero tamén como unha forma de medrar socialmente e esta cidade, que se fixo grande respondendo ás preguntas que lle formulaban os seus museos, tan só pode ir cara adiante".

A rexedora apuntou que tendo a colectivos como Ío e a xente tan carismática como Javier Novelle, resulta máis doado conseguilo: "Se a iso lle sumamos toda unha infraestrutura que lle dá acubillo á ciencia como os catro museos, e na que se inspiran talentos coma vós, as e os premiados, a cidade avanza polo camiño correcto que é o que marca a ciencia: 'Dándolle ás ao coñecemento para medrarmos mellor como persoas e como comunidade'".

PROPOSTAS GAÑADORAS

>> Vídeo

«Des-Extinción», emitido en TVE, con guión e dirección de Alfonso Par para Turkana Films. O xurado destaca a calidade da súa produción, a orixinalidade narrativa e o esforzo por buscar a persoas e lugares clave dun tema cheo de interese.

>> Novos medios

«Maldita Ciencia», un exemplo de divulgación responsable, que sabe ser áxil sen perder rigor, e un servizo necesario no medio da crecente desinformación.

>> Texto inédito

«Expedición al volcán de sal», de Silbia López de Lacalle, pola beleza reunida en textos e ilustracións, capaces de conquistar e levar de viaxe tanto a persoas interesadas pola xeoloxía como pola arte.

>> Libro editado

«Ciencia sin ficción», de Jesús Méndez, Pere Estupinyá, Javier Salas, Sergio C. Fanjul e Belén Gopegui, editado por Debate, por abrir fronteiras para relatar historias de ciencia con artes literarias e para facer literatura marcada pola ciencia sen necesidade de inventar outros mundos.

Mención honorífica

«Orgas(mitos)», de Laura Morán Fernández, editado por Next Door Publishers, por poñer o foco sobre un tema tabú cun estilo fresco e sen perder o rigor científico.

>> Artigo xornalístico

«La vida secreta de los árboles», de Laura González de Rivera, publicado en Muy interesante, por contar ben, logrando espertar o interese das persoas lectoras, un tema sorprendente sobre o que se achega abundante información, con riqueza de fontes e sen perder nunca o ritmo.

>> Radio

«La maravillosa química de las cosas cotidianas», de Antonio Rivera, emitido en A ciencia cierta, de CV Radio, por facer visible tanto a ciencia presente na vida diaria como a profesora, pioneira universitaria, que inspirou o programa.

>> Proxecto singular

«PDICiencia», de Diego Ortega Alonso e a Asociación de Familiares e Amigos de Persoas con Discapacidade Intelectual, por apostar radicalmente pola diversidade e a inclusión, dándolles un papel protagonista a persoas con outras capacidades e ofrecendo unha nova forma de facer divulgación científica.

Mención honorífica

«Estrela Rosalía» da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, polo seu grande impacto mediático, a súa orixinalidade e por conseguir que o entusiasmo dunha iniciativa popular puxese no firmamento o nome da escritora galega máis universal.

>> Prisma Especial do Xurado

De forma excepcional, o xurado decidiu deixar deserto o Prisma Especial, xa que non é posible premiar a Francisco Javier Novelle Secades porque faleceu despois de presentar a súa candidatura. O xurado destaca o seu traballo na promoción da cultura científica desde unha asociación de carácter cívico, e en particular a organización durante 25 anos do Día da Ciencia na Rúa e a súa contribución como valioso e pioneiro referente, ao desenvolvemento das feiras científicas escolares en España.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión