Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de xuño de 2020

Rey destaca que o Goberno local retomou grandes proxectos de cidade grazas ao diálogo

A alcaldesa afirmou no seu balance do primeiro ano de mandato que a fortaleza dun goberno reside na súa capacidade para chegar a acordos

A alcaldesa, Inés Rey, fixo balance este mediodía do seu primeiro ano á fronte dun Goberno local que aposta polo diálogo con outras administracións e entre as forzas políticas do concello porque "sei que para lograr que unha cidade avance, precísanse acordos, pactos, diálogo e política, moita política". A rexedora sinalou que neste tempo retomaron proxectos como a Estación Intermodal, o novo Chuac ou a Cidade das TIC de cara a conseguir unha mellor mobilidade e nunha aposta clara pola sanidade pública e a tecnoloxía. Recordou que ás veces se menospreza a actitude dialogante, "hai quen aínda cre que chegar a acordos supón unha debilidade do que manda, pero creo que é todo o contrario. É unha fortaleza", e tras o ofrecemento na investidura dun "mandato da amabilidade", "estámolo cumprindo" polas formas e porque é o máis produtivo para a cidadanía.

Rey engadiu que neste ano o diálogo institucional permitiulles dar pasos cara adiante en infraestruturas e servizos non só coa Xunta e co Estado, senón tamén no salón de plenos onde acordaron moitas actuacións e aprobaron uns orzamentos, co voto favorable da maioría de forzas de María Pita, baseados na reactivación económica, en políticas sociais e en darlle un xiro á mobilidade da cidade con especial atención na sustentabilidade: "Agora hai máis mesas de diálogo e máis obras que xestos". Neste camiñar, a alcaldesa recoñeceu a actitude favorable da oposición, que se mostrou moi construtiva e responsable.

Canto ás decisións que tomou o Goberno local nestes doce meses, Rey entende que non sempre foron "populares", pero afirmou que actuaron en beneficio da cidadanía con responsabilidade e transparencia para tratar de terminar, entre outras cuestións, co botellón e o problema da dobre fila.

Neste sentido, asegurou que A Coruña está mellor posicionada para afrontar unha crise que hai un ano porque "contamos cun ambicioso Plan de Recuperación para non deixarmos a ninguén atrás, para axudarmos ao comercio, á hostalaría e ao tecido cultural". Coa reactivación da maquinaria municipal, o concello blindou 2.300 postos de emprego públicos que dependen do concello e apostou pola humanización e o medio ambiente.

Durante o primeiro ano de mandato, a alcaldesa lembrou que o Goberno local outorgou 1.128 licenzas a diferenza dos 465 permisos acadados en 2016. Rey falou de obras como a reforma do centro García Sabell, o viaduto da Rolda de Nelle, a humanización de Agrela ou a tramitación da segunda fase de urbanización do Parque Ofimático e a pasarela do Barrio das Flores.

Entre os proxectos que sacou adiante o executivo municipal, Rey destacou o plan de Mobilidade, coa implantación da Cidade 30, o carril bici e o aumento de estacións de BiciCoruña xunto á rolda peonil, o bulevar de Santo André e a ampliación do Paseo Marítimo para o uso da cidadanía. O carril "runner", o control da dobre fila, o centro de saúde de Santa Lucía -que conta xa cun anteproxecto-, a tramitación da Estación Intermodal -coa firma do convenio e á espera dunha resposta de Adif-, a gratuidade das escolas infantís, o pavillón do Catrillón ou a tramitación que converterá ás illas de San Pedro en Espazo Natural de Interese Local (Enil) foron outras das iniciativas que están en marcha.

Por último, a alcaldesa agradeceu ás e aos traballadores municipais todo o esforzo que realizaron durante estes meses para garantiren o benestar da veciñanza: "Podo dicir con orgullo que temos aos mellores en María Pita".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión