Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de outubro de 2020

Rey: “Fomos os primeiros en sermos conscientes de que tiñamos que protexer as/os nosas/os traballadoras/es do mar”

A alcaldesa participa nos actos conmemorativos polo 50 cabodano do naufraxio do pesqueiro “La Isla”, en que faleceron 14 tripulantes preto da Torre

A alcaldesa, Inés Rey, participou hoxe nos actos polo 50 Cabodano do naufraxio do pesqueiro "La Isla", que tiveron lugar na Cidade Deportiva da Torre e aos que asistiron amigas/os e familiares dos 14 falecidos aquel 4 de outubro de 1970 xunto a representantes da Corporación Municipal e das entidades Cruz Vermella, Club del Mar, AC Náufragos e da Asociación de Veciños de Monte Alto.

A rexedora recordou que desde aquela madrugada "non quixemos que este mar que non dá tregua, que nos alimenta e nos fai distintas e distintos, nos volvese a espertar así: "Fomos dalgunha forma os primeiros en sermos conscientes de que era algo imprescindible, de que tiñamos que protexer as e os nosas traballadoras porque son o noso patrimonio máis valioso. Representan o presente e o futuro da cidade, unha cidade pescadora de sempre que non se entende sen o Atlántico".

Rey lembrou que os mergulladores que participaron no rescate dos corpos crearon un tempo despois o GRAS (Grupo de Rescate e Auxilio Subacuático) e que pola presión que exerceu o pobo e persoas expertas coma o impulsor do salvamento marítimo, Dotras Lamberti, lograron que se puxesen os medios: "Non os puidemos salvar, pero os 14 e mais o supervivente Ramón Seoane deixáronnos algo moi importante porque grazas a eles desde aquel día salváronse outras moitas vidas".

A alcaldesa sinalou que "hoxe o Servizo de Salvamento Marítimo máis moderno e adaptado ás esixencias do noso mar fai posible que a industria marítima e a pesca sexan uns dos principais motores sociais e económicos da Coruña" e explicou que o Concello dispón de embarcación, motos acuáticas e mais dunha lancha de 300 cabalos, operativas as 24 horas dos 365 días do ano.

No seu discurso, Rey insistiu en que os homes e mulleres do mar merecen toda a nosa consideración e o noso cariño pola súa dedicación e o seu esforzo e capacidade de sacrificio "e o mínimo que podemos facer por eles é salvagardar as costas co fin de non realizarmos máis actos coma o de hoxe. Como alcaldesa e, sobre todo, como coruñesa reitero o noso agradecemento e a nosa máis sentida homenaxe aos 15 que seguen salvando vidas de compañeiras e compañeiros".

No acto interviñeron ademais Fernando Patricio Cortizo, da Asociación de Naufraxios Galegos, o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; e o capitán de pesca e familiar dun dos falecidos, Félix González, que leu un poema en homenaxe ás vítimas. Descubriuse unha placa conmemorativa, que se situará na contorna da Rosa dos Ventos, na Torre, e realizouse unha ofrenda floral coa actuación do Coro Cantabile de fondo, que interpretou para a ocasión o tema "O meu amor é mariñeiro", de Fuxan os Ventos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión