Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de outubro de 2020

Rey: “Humanizar San Andrés permitirá devolverlle o seu aspecto orixinal”

O concello pechará a rúa ao tráfico rodado mañá das 16.30 ás 20.30 horas para favorecer a mobilidade peonil e dinamizar o comercio e a hostelaría da zona

O concello pechará este sábado San Andrés ao tráfico, unha medida que se repetirá o primeiro sábado de cada mes, tal e como recolle o artigo 54 da Ordenanza municipal de circulación aprobada co fin de favorecer a mobilidade peonil e a dinamización comercial e da hostalaría da zona. Esta medida repetirase o primeiro sábado de cada mes, das 16.30 ás 20.30 horas, aínda que neste caso se tivo que pospor debido ao anuncio dun forte temporal para o pasado día 3. A alcaldesa explicou ao respecto que imos ver cal é a resposta cidadá "mais estou segura de que será exitosa porque o Día sen Coches foi moi ben recibido por parte das veciñas/os e das/os comerciantes". Rey recordou que o proxecto do Goberno local pasa por transformar a rúa en bulevar, pero isto non implica que deixen de circular os coches pola vía: "Humanizar San Andrés permitirá devolverlle o seu aspecto orixinal" xa que coa reforma se reactivará o comercio e a presenza peonil, que gozará dun maior espazo para a convivencia.

Para esta peonalización temporal, colocarase sinalización vertical que aclarará o corte do tráfico rodado, así como valado que impedirá acceder en automóbil á zona. Ademais, haberá presenza policial de forma continua nos puntos de acceso pola rúa Nova e do Pórtico de San Andrés á rúa San Andrés. Suprimirase tamén o estacionamento en toda a rúa San Andrés. O corte de tráfico afectaralle non só á rúa San Andrés, senón tamén á rúa Nova, Pórtico de San Andrés, Cordoaría, Estreita de San Andrés, Marqués de Pontejos e, de xeito parcial, á rúa Hortas, Santa Catalina e rúa Alta.

Por outra banda, realizaranse as modificacións de tráfico e os desvíos dos autobuses urbanos oportunas e o acceso aos garaxes da zona farase desde a rúa Nova ou o Pórtico de San Andrés, de xeito que as/os condutoras/es optarán polo itinerario máis curto en cada caso. O tráfico rodado recuperarase a partir das 20.30 horas. Canto á ocupación da rúa, deixarase colocar mobiliario e mercadorías, para o que se establecerán os contidos da Instrución da instalación de terrazas unha vez que se superou a Fase III do Plan para a transición cara unha nova normalidade (RES/AYT/7790/2020, do 26/06/2020). Desta forma, as persoas titulares dos locais comerciais e de hostalaría poderán empregar unicamente o espazo público que está fronte a ditos locais coa instalación de mobiliario expositor de mercadorías, mesas e cadeiras, e calquera outro mobiliario correspondente á súa actividade empresarial ou comercial.

A superficie usada non poderá superar os tres metros fronte ao local, logo de deixar libre a beirarrúa e mais unha sección central de 3,5 metros para permitir o paso dos vehículos aos garaxes que teñan entrada ou saída pola rúa San Andrés. Debido á sección da rúa, non se permitirá colocar mobiliario nin mercadorías no tramo da rúa San Andrés despois da intersección coa rúa Pórtico de Santo André cara ás rúas Panadeiras e Marqués de Pontejos nin na Estreita de San Andrés. O horario para ocupar a rúa será de 16.45 a 20.15 horas. Quedarán encargadas/os de recolleren todos os elementos as/os propietarias/os dos negocios, co fin de que o perímetro estea despexado antes de abrir a rúa ao tráfico rodado a partir das 20.30 horas. Neste punto, desde a Concellaría de Comercio animan os negocios a que amosen os seus produtos a pé de rúa, co fin de que a veciñanza os vexa sen necesidade de entrar nas tendas. A edila Diana Cabanas recordou a posibilidade que teñen para os expoñeren en burros e mesas, "ou da maneira máis atractiva que se lles ocorrer".

Por outro lado, nesa intención de cambiar coches por deportistas, artistas e familias, as entidades Coral Polifónica ECO e o Club Patinaxe Galicia Rollers converterán San Andrés nunha pista deportiva e nun escenario onde se combinan deporte, cultura e paseo. A coral realizará un "flashmob" pola rúa, coa interpretación de temas ás 18.30 horas, na Estreita de San Andrés con Torreiro; ás 19.00 horas, en San Andrés coa Igrexa Castrense e a rúa Hortas, e ás 19.30 horas, na praza de Santa Catalina. 

Pola súa parte, o Club Galicia Rollers realizará una ruta urbana en patíns desde O Ventorrillo até San Andrés. Para se inscribir na ruta, cómpre confirmar a través de https://www.galiciarollers.com/rutas-y-viajes-2/ xa que a capacidade é limitada polas esixencias do protocolo contra a Covid-19.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión