6 de agosto de 2026
A artista ofrecerá un concerto acústico acompañado dunha conversa científica e dun coloquio co público nun evento gratuíto con capacidade para 1.500 persoas
O auditorio do parque de Santa Margarida acollerá o vindeiro 12 de agosto, ás 18.00 horas, unha das propostas máis singulares da programación das Festas de María Pita 2026. A cantante Rosana será a protagonista dun encontro especial que combinará divulgación científica, música en directo e participación cidadá arredor da eclipse total de Sol que poderá contemplarse esa mesma tarde desde a cidade.
A actividade, de acceso libre ata completar capacidade, contará cun aforo máximo de 1.500 persoas e foi concibida como unha experiencia pensada para acompañar un dos acontecementos astronómicos máis importantes que se poderán observar desde A Coruña neste século. O evento arrancará cunha conversa entre Rosana e unha persoa especialista en divulgación científica que explicará as características do fenómeno astronómico e a importancia dunha observación segura da eclipse. A continuación, a artista ofrecerá un concerto en formato acústico no que repasará algúns dos temas máis coñecidos da súa carreira. A experiencia concluirá cun coloquio aberto no que o público poderá compartir impresións e dialogar coa cantante.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou o carácter innovador da proposta. "Desde o Goberno de Inés Rey quixemos aproveitar un acontecemento excepcional como a eclipse para impulsar actividades que conecten cultura, ciencia e participación cidadá. A presenza dunha artista da traxectoria de Rosana permite crear unha experiencia única arredor dun fenómeno que deixará unha fonda pegada na memoria colectiva da cidade", sinalou.
A Coruña será un dos lugares privilexiados para seguir a eclipse do 12 de agosto e o Concello leva meses preparando unha programación específica arredor deste acontecemento. "Estamos a combinar divulgación científica, actividades educativas, programación cultural e un amplo dispositivo organizativo para que a cidadanía poida vivir esta xornada histórica nas mellores condicións", indicou Castro.
Rosana é unha das cantautoras máis recoñecidas da música en español e suma ao longo da súa carreira millóns de discos vendidos e un repertorio que forma parte da memoria musical de varias xeracións. A súa participación nesta iniciativa achegará unha dimensión artística e emocional a unha tarde marcada pola observación dun fenómeno astronómico excepcional.

10 de agosto de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible