Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de febreiro de 2023

As entradas, con prezos de 7 e 9 euros, poden mercarse a través da web de Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense

Sete obras de compañías galegas conforman o ciclo de primavera Sen Numerar do Fórum Metropolitano

A programación desenvolverase desde este venres, 3 de febreiro, ata o 2 de xuño. A comedia ‘Backup. A resurrección de Nuno’ estrea o ciclo de teatro

Sete obras teatrais, representadas por outras tantas compañías galegas, conforman a programación do ciclo Sen Numerar de Primavera, do Fórum Metropolitano. As representacións serán todas en venres, ás 21.00 horas.

O ciclo comeza este venres 3 de febreiro, coa comedia 'Backup. A resurrección de Nuno', a cargo de De Ste Xeito Producións, e programarase ata o 2 de xuño. A venda anticipada de entradas levarase a cabo a través da web de Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense, aberto de luns a venres en horario de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas. Poderanse adquirir tamén unha hora antes de cada espectáculo no Fórum Metropolitano, sempre que queden entradas dispoñibles.

Os prezos das entradas son de 9 euros para o público en xeral e de 7 euros para as persoas desempregadas, as maiores de 65 anos e as titulares do Carné Xove.

Con este ciclo, o Fórum Metropolitano volve abrir as súas portas a obras de teatro de pequeno e mediano formato, para seguir consolidando públicos, a través dunha programación de teatro en galego que conxuga variedade de estilos e postas en escena con música tecno, teatro contemporáneo e monólogo. Todas as representacións, agás a última, serán en galego.

Nesta primavera, o ciclo Sen Numerar oferta sete espectáculos de contidos actuais e de memoria histórica; de estéticas diversas, con novas linguaxes audiovisuais -ata unha peza con monicreques para adultos- e de xéneros variados, do drama á comedia. Esta programación complétase cunha oferta educativa, dirixida ao público escolar de educación secundaria, en horario lectivo.

'Backup. A resurrección de Nuno' trátase dunha 'comedia post mortem' que amosa, a través dun humor acedo, unha posibilidade propia da ciencia ficción mais que, porén, xa está a tocar a nosa porta na actualidade. Que sucedería se puidésemos resucitar a alguén amado? Canto tempo pasará ata que os segredos soterrados co finado saian á luz? Que cambios provocará saber toda a verdade? Serán quen de saír reforzados como familia ao aceptar as súas imperfeccións e disfuncionalidade?

A trama desenvólvese en pleno funeral do avó Nuno, cando a familia se decata de que o seguro contratado polo falecido ofrece a posibilidade de resucitar dixitalmente ó finado, a través dun innovador dispositivo de Intelixencia Artificial. Mentres tanto gozarán dunha semana de fábula nun 'resort' vacacional de alta tecnoloxía. Inicialmente a matriarca, Sabela, decidirá como e cando usar o dispositivo, que permite aos familiares conectarse neuronalmente a Nuno e reencarnalo. Mais, pouco a pouco, a resurrección de Nuno vai gañando terreo por si mesma, dando lugar a que saian á luz conflitos e segredos familiares que enfrontan a cada membro deste clan con dilemas que resolver e verdades que asimilar.

PROGRAMACIÓN DE PRIMAVERA DO CICLO SEN NUMERAR

  • 3 de febreiro: 'Backup. A resurrección de Nuno', de De Ste Xeito Producións.
  • 17 de marzo: 'Ragazzo', de Barrosanta.
  • 31 de marzo: 'Iphixenia na porta do súper', de Compañía Humana.
  • 28 de abril: 'Relato para un incendio', de aAntena.
  • 5 de maio: 'A louca historia de Galicia', de Fulano Mangano e Citano.
  • 19 de maio: 'A barca do inferno', de Nauta.
  • 2 de xuño: 'Si esto es un hombre', de Cámara Negra Teatro.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión