28 de xullo de 2024
O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, despediu aos participantes do programa ‘Idiomas do Mundo’, que regresarán o vindeiro 25 de agosto
Esta mañá, un total de 30 participantes no programa 'Idiomas do Mundo' partiron cara a Irlanda para iniciar unha estadía de inmersión lingüística promovida polo Concello, cunha duración dun mes. O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, mantivo un encontro cos estudantes, aos que desexou que gocen da súa estadía e saquen proveito dela na aprendizaxe do idioma.
O programa ofrece a oportunidade de perfeccionar o dominio do idioma inglés e profundar no coñecemento real doutra cultura, obtendo ademais un certificado oficial segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Os participantes realizarán un curso intensivo de inglés de 20 horas semanais nun centro educativo de Kilkenny, que compaxinarán con outras actividades culturais, lúdicas e sociais, con talleres, xogos e visitas diversas. Estarán aloxados en domicilios de familias da localidade.
O Concello achegaralle aos 30 estudantes para a súa estadía unha bolsa de cobertura total ou que achegue como mínimo o 70% do custo da estancia, en función dos ingresos das familias. Entre os requisitos esixidos para poder participar figura o estar matriculado e cursar 1º de Bacharelato nun centro escolar da cidade da Coruña no curso 2023-2024, contar no curso de 4º da ESO cunha cualificación media de 7 ou máis e non ter ningunha materia suspensa, e contar en curso de 4º da ESO con cualificación de 7 ou máis na materia de inglés.
'Idiomas do Mundo' é integramente municipal e conta cun orzamento próximo aos 150.000 euros, cun custo por praza de arredor de 5.000 euros. Súmase a outras iniciativas en marcha co Goberno de Inés Rey para a mobilidade estudantil, como as Bolsas USA ou o programa Eixo Atlántico. Dende o ano 2016 un total de 338 estudantes da Coruña puideron perfeccionar os idiomas inglés, francés e portugués en estancias dun mes en Irlanda, Francia e Portugal.
30 de agosto de 2024
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible