Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de novembro de 2023

Viggo Mortensen e Xosé Iglesias protagonizan unha nova cita de Poetas Di(n)versos, con todos os pases esgotados

O ciclo, organizado polo Concello en colaboración coa poeta e Premio Nacional de Poesía 2023, Yolanda Castaño, está consolidado como a única cita estable de España que acolle poetas internacionais de xeito regular

O Ciclo Poetas Di(n)versos celebrará o seu encontro de novembro este vindeiro luns 20, coma sempre no auditorio do Ágora ás 20.00 horas. Farao coas 530 butacas repletas ante o esgotamento de todos os convites para a sesión.

Os máis dun cento de lectores e lectoras presentes na sesión de outubro recibiron pases directos que aseguran que ese público que acode mes a mes ás citas poéticas teñan un asento reservado. O resto de prazas ata completar as 530 entregáronse ao día seguinte no propio centro, de xeito presencial e por orde de chegada. Mesmo se crearon dúas quendas -mañá e tarde- para facilitar o acceso aos pases. 

Ese auditorio repleto recibirá dous poetas que se dedican a profesións diferentes e ben especiais: un é mariñeiro e o outro actor de cinema. Os dous recitarán os seus versos orixinais presentados pola que fundara o ciclo quince anos atrás: a tamén poeta e Premio Nacional de Poesía deste ano Yolanda Castaño, dende entón coordinadora dun programa promovido polo Concello. Facendo do galego lingua de comunicación de toda a iniciativa, Poetas Di(n)versos reúne así sobre as táboas do mesmo escenario unha voz de Galicia a carón doutra do resto do mundo. É por iso que o encontro xirará estritamente ao redor da poesía.

Neste xénero ten arredor dunha decena de libros publicados Viggo Mortensen (1958), de ascendencia danesa e estadounidense pero criado en Arxentina. Licenciado en Hispánicas pola Universidade de Saint Lawrence, o seu primeiro poemario fora editado en 1993 nos Estados Unidos. Máis tarde, a súa paixón polos versos motivouno a crear Perceval Press, unha editorial independente que deu ao prelo, entre outros, oito dos seus poemarios. En cambio, a máis recente entrega viu a luz baixo o selo arxentino de Ediciones LUX no presente ano: Ramas para un nido.

En canto ao capitán de pesca-mariñeiro ceense Xosé Iglesias (1974), el naceu no corazón da Costa da Morte e nos últimos vinte anos traballa a bordo do seu pesqueiro de baixura, o "Primero Villar", dende cuxo temón mestura palabra e paisaxe. Dono dunha creatividade que tamén o ten levado a abordar a acuarela ou o volume, e sempre toda gravitando arredor do mar, no ano 2014 saíu á luz "Transfusión oceánica", e dous anos máis tarde levou o premio de poesía Victoriano Taibo por "A relixión do mar", ao que seguiron en 2022 dous poemarios máis despois dun álbum ilustrado.

Despois da que mostre a faceta poética destes dous creadores de Galicia e de fóra dela, a seguinte cita de Poetas Di(n)versos tamén se prevé repleta: Combativas e feministas, dende Nicaragua e dende Marín chegarán Andrea Nunes -activista contra varias formas de opresión- e Gioconda Belli, flamante Premio Raíña Sofía deste ano.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión