Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

  • Compartir
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Cando:

31 de xaneiro de 2020

Villoslada agarda que a sinatura do convenio para a Intermodal se desbloquee nas próximas semanas

O concelleiro de Urbanismo supervisou esta mañá os traballos previos á demolición do viaduto da rolda de Nelle e as obras de reurbanización da rúa Puga e Parga, que terá carril bici e plataforma única

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, confía en que a sinatura do convenio que permitirá a licitación das obras de construción da Intermodal se desbloquee nas próximas semanas. Tras recibir a nova proposta de Adif cos requirimentos anunciados polo ente, a Concellería espera darlles unha resposta a Adif e á Xunta a próxima semana. O concelleiro de Urbanismo explicou que, aínda que existen novas formulacións urbanísticas que non coñecían e que requiren dunha análise minuciosa, a nova proposta non choca cos intereses municipais.

As demandas de Adif, explicou céntranse nun aumento da súa edificabilidade no ámbito da estación para poder dispor de máis espazo para servizos ferroviarios. A revisión destas peticións, sinalou, suporá atrasar os cambios no plan xeral que o Concello xa aprobou para garantir os accesos a Intermodal.

Canto ao pedimento da titularidade de terreos no ámbito próximo á estación, Villoslada aclarou que este convenio, ademais de establecer as responsabilidades de Xunta, Adif e Concello na Intermodal, servirá para regularizar toda unha serie de actuacións que Adif realizou no ámbito de Vío cunha mellora da súa edificabilidade para servizos vinculados ao uso ferroviario. "É algo complexo que o Concello terá que estudar", dixo Villoslada, que lamentou que o ente ferroviario nos presentase estes requirimentos antes e "poder así ter o proxecto máis avanzado".

Respecto ás expropiacións que se terán que realizar con motivo da ampliación do novo CHUAC, a concellería aínda descoñece o proxecto urbanístico e técnico "Está prevista unha reunión os próximos días con responsables da Xunta para analizar cal é o ámbito concreto, que modificacións de viario hai que realizar e que ámbito expropiatorio teñen previsto establecer", sinalou o concelleiro.

Villoslada fixo estas declaracións durante a visita que realizou esta mañá coa directora de Mobilidade, Elvira Quintairos, e persoal técnico da concellería á rolda de Nelle para supervisar a marcha dos traballos previos á demolición do viaduto que terá lugar a mediados de febreiro. Tratouse, explicou, dunha visita co fin de coñecer cuestións técnicas relativas á demolición para evitar, na medida do posible, molestias á veciñanza e afeccións ao tráfico. "Buscamos que o proceso deconstrutivo sexa o máis rápido posible", dixo. O edil mantivo distintos encontros coas persoas residentes e coas/cos comerciantes para analizar o proceso de reurbanización da zona. A clave do proxecto, dixo, está en lograr a reurbanización dunha zona moi degradada desde o punto de vista ambiental e urbanístico. "O noso obxectivo é recuperar espazos públicos para os veciños e as veciñas e garantirlles maior calidade de vida; devolverlles a cidade aos peóns e as peoas sendo conscientes de que existe un tráfico que debemos regular e que temos que presentar alternativas", subliñou. A obra ten un prazo de execución dun ano e, aínda que prefire ser cauto á hora de fixar datas, o Concello non descarta que puideren reducirse os tempos.

O edil visitou tamén os traballos de reurbanización que se están levando a cabo na rúa Puga e Parga, no barrio de Catro Camiños, que contará cunha plataforma única e cun carril bici que supón un paso máis na conexión entre o carril bici metropolitano e o de Salgado Torres. Este tramo unirase, no seu parte inicial, co paso para bicicletas que xa existe baixo o viaduto de San Pedro de Mezonzo, que servirá nun futuro como punto de inicio para lle dar continuidade ao carril bici pola avenida de Fernández Latorre.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión