Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de xuño de 2020

Yoya Neira: “A xestión da crise por parte dos equipos de atención social foi exemplar ao levar a cabo 12.500 asistencias”

O voceiro socialista, José Manuel Lage, sinalou que “o noso apoio ao persoal traballador de Alú Ibérica é claro e irrenunciable, sempre nos atoparon ao seu lado”

A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, asegurou hoxe durante unha moción sobre medidas de conciliación que a xestión da crise por parte dos equipos de atención social foi exemplar ao levar a cabo unhas 12.500 asistencias e sinalou que a primeira resposta durante a crise do COVID foi inmediata grazas aos equipos de atención social aos que lles agradeceu o traballo sen descanso ao longo destes tres meses. Recriminoulle ao grupo de Marea Atlántica a súa actitude ao intentar reproducir no pleno a gravación dunha chamada telefónica e denunciou "o uso burdo da falta de información da Marea ao falar dunha situación tan tráxica como a que vivimos".

Neira lembroulles ás concelleiras e aos concelleiros de Marea que a súa concellería traballou e segue traballando nos programas de Axuda no Fogar, Nocturnia, Lecer saudable, na convocatoria de campamentos e que incrementou o orzamento para reforzar o programa de Canguraxe. E rexeitou a proposta de Marea de adiantar as bolsas comedor sen os trámites que dita a lexislación. "Unha cuestión é o Estado de Alarma e outra cousa que me digan vostedes que me salte o procedemento administrativo á hora de outorgar as bolsas comedor e o faga de xeito irregular", dixo.

Os problemas do sector do mar ocasionados pola crise da COVID-19 foron expostos polo voceiro do Goberno, José Manuel Lage, que asegurou que o sector da pesca é un sector estratéxico na economía da cidade e por iso, o Goberno local, a través do PRESCO, destinará axudas que sirvan para revitalizar un sector do que viven na Coruña cerca de 10.000 persoas. "Traballaremos na súa defensa e pediremos á Xunta que estableza un diálogo co sector", explicou Lage. Na mesma moción, que contou co apoio de toda a Corporación agás do PP, o  voceiro do Bloque Nacionalista Galego solicitoulle á Xunta que impulse novas medidas socioeconómicas para un sector que viu reducidas as súas vendas aos locais de restauración e que é un importante motor económico da cidade. Tamén se lle pide que actúe como mediador no conflito entre bateeiros/as e percebeiras/os e garantindo  a xestión dos recursos.

A moción en defensa das empregadas/os de Alú Ibérica contou co apoio de toda a Corporación. O voceiro socialista, José Manuel Lage, sinalou que "o noso apoio ao persoal traballador de Alú Ibérica é claro e irrenunciable, sempre nos atoparon ao seu lado"  E lembrou que a Xunta ten que asumir as súas competencias neste conflito laboral, que afecta seriamente á industria coruñesa. "Este goberno estará sempre na defensa da industria desta cidade e ao lado das e dos traballadores tal e como demostrou onte a alcaldesa, Inés Rey, que nunca dubidou en dar o seu apoio e en demandar compromiso aos gobernos sexan da cor política que sexan, poñendo por riba os intereses da Coruña".

Por outra banda, o voceiro socialista, José Manuel Lage destacou, nunha moción do BNG para o emprego da lingua galega, que "non hai dúbida do compromiso do Goberno local coa lingua galega. Baixo o mandato do Goberno socialista, o orzamento para normalización lingüística medrou nun 40%". A moción foi apoiada por todos os grupos, agás o PP, que votou en contra, e Ciudadanos, que se abstivo. Tamén instase  á Xunta que derogue o Decreto  para o  plurilingüismo no ensino non universitario e adopte medidas económicas para apoiar o sector da cultura e do libro en galego.

Noutra das mocións aprobadas, referente á planificación do ensino para o vindeiro curso, o edil de Educación, Jesús Celemín, recoñeceu a dificultade de planificar o vindeiro curso, "posto que é algo que non se pode improvisar". Sinalou ademais a necesidade de establecer un diálogo constante con todas as persoas e colectivos implicados no ámbito da educación. "É necesario analizar as carencias de cada centro e implementar novos métodos de ensino". Celemín asegura compre dialogar coa comunidade educativa e cos representantes das traballadoras e traballadores.

Nunha moción sobre a dinamización do comercio e da hostalaría, a  concelleira de Emprego, Esther Fontán, asegurou que a reactivación do comercio é unha prioridade xa que foi un dos sectores máis prexudicados pola crise sanitaria do Covid 19. Por iso, adoptáronse numerosas medidas a través do PRESCO para paliar as perdidas económicas y revitalizar o sector. A Corporación aprobou por unanimidade unha moción de Ciudadanos sobre a plataforma dixital que o concello está a elaborar para que os comercios locais vendan en liña e que incluirá entre outras medidas, un plan de asesoramento e formación dixital.

Canto á moratoria de pagos do alugueiro social nas vivendas municipais para as familias vulnerables, Villoslada anunciou que o Goberno local ten previsto abrir unha nova convocatoria e impulsará unha bolsa de alugueiro municipal. Así mesmo, made, axilizará a construción de edificios de pisos municipais no parque Ofimático e na rúa de Pontejos. Tamén se abrirán novas vías de colaboración coa Xunta fomentando o alugueiro e garantindo o acceso a unha vivenda aos menores de 35 anos. O Goberno local suplementará as axudas á rehabilitación e continuará cos procesos para erradicar o chabolismo nos asentamentos precarios da cidade. O concelleiro de Urbanismo recoñeceu que a cuestión da vivenda é unha problemática que vén de lonxe e que o Goberno local traballa na xestión de solo para garantir a construción de vivendas de protección oficial. "A política de vivenda da Xunta é nula e o Goberno ten que acometer políticas para regular o prezo da vivenda", apuntou.

A concelleira de Comercio, Esther Fontán, sinalou, nunha moción do PP para a constitución dunha Mesa da Hostalaría e a convocatoria da Mesa de Comercio, que a hostalaría e o comercio constitúen "unha prioridade como eixos da economía local". Fontán sinalou que a hostalaría con máis de 1.800 establecementos merecen "un trato específico coa constitución dunha Mesa".

O edil de Urbanismo aclarou nunha moción do PP sobre a hostalaría que o Goberno local está a favor da ocupación de máis espazo público para atender ás demandas da hostalaría nestes momentos de crise, pero "dunha maneira equilibrada e ordenada, non imos a barra libre". Todas as medidas de ocupación de espazo público deberán respectar a prioridade peonil e definirase a excepcionalidade e temporalidade da ocupación do espazo público. O Goberno local xa aprobou unha instrución que modifica o uso dos espazos públicos a prol das e dos hostaleiros, así como a exención do pago das taxas das terrazas durante o 2020. A moción contou coa aprobación de todas as forzas políticas.

O edil de Deportes, Juan Ignacio Borrego, lembrou durante o debate dunha moción presentada polo PP, que solicitaba un novo plan deportivo, que a aposta do Goberno polo Deporte "tradúcese nos máis de 7 millóns de euros que se destinan a obras, subvencións e bolsas para deportistas". Ademais, reclamoulle á Xunta a xestión das instalacións que o Goberno autonómico ten na cidade. Borrego lembroulle ao edil popular que defendeu a moción que a Xunta tiña que eximir do pago ás entidades deportivas da cidade dos 145.000 euros en concepto de taxas por uso destes espazos. Canto ao conflito laboral coa concesionaria das escolas municipais deportivas, o edil de Deportes aclarou que o concello leva desde o mes de decembro en comunicación coas e cos traballadores das escolas deportivas municipais e que están actuar como intermediarios entre a empresa e o cadro de persoal.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión