Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de xuño de 2020

A Corporación dá luz verde ao Plan de reactivación económica e social para afrontar a crise da COVID-19

Inés Rey: “Non podemos esquecer no futuro que unha vez fomos capaces de facer algo xuntos pensando só na cidade e nos seus intereses”. José Manuel Lage sinalou que A Coruña é a cidade galega que destina máis fondos á reconstrución social e económica.

O Pleno aprobou hoxe por unanimidade o modificativo de crédito necesario para poñer en marcha o Plan de reactivación económica e social da Coruña (PRESCO), cun orzamento de máis de 13 millóns de euros destinados a afrontar a crise ocasionada pola COVID-19. O documento, que contou co apoio de todas as forzas políticas, servirá para manter o tecido socioeconómico da cidade e protexer a veciñanza máis vulnerable. A alcaldesa, Inés Rey, agradeceulles ás voceiras e aos voceiros o traballo que realizaron, en especial ao persoal da Área de Economía e Facenda por sacar adiante o expediente, e sinalou que a Corporación "pode saír deste Pleno coa cabeza ben alta, algo que non poden facer outros políticos doutras institucións".

Para a rexedora, coa volta á vida normal volverán as diferenzas políticas tan necesarias e enriquecedoras e as discusións, pero "non podemos esquecer que unha vez fomos capaces de acordar algo xuntos pensando na cidade e nos seus intereses, de poder mirarlle aos ollos á veciñanza e dicirlle que traballamos por todas e todos".

Pola súa banda, o voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, sinalou que se trata dun plan "froito do diálogo e das achegas de todos os grupos políticos e que recolle as demandas de todos os sectores afectados pola pandemia".

Un plan, sinalou, posible grazas á cooperación e a unha mesma forma de entender a política. Para o concelleiro, "a política estivo á altura do que espera a cidadanía de nós" e agradeceulles a todas as forzas políticas, en especial ás e aos seus voceiros municipais, o traballo destas semanas. Lage tamén lembrou as medidas que se puxeron en marcha desde que se iniciou o estado de alarma; bolsas comedor, dispositivo para as persoas sen fogar e plan anual de contratación, entre outras. "Non se trata de propaganda, son feitos", dixo. E explicou que os concellos da Coruña e Lugo son os que máis proxectos licitaron entre xaneiro e abril, e que desde o mes de novembro o pago medio aos provedores está por debaixo dos 30 días.

 "Hoxe A Coruña é un exemplo. Este Goberno apostou desde o minuto cero polo diálogo, consciente de que era necesario traballar desde a unidade para afrontar una situación excepcional", dixo e agradeceulle á alcaldesa "a súa confianza e a súa xenerosidade ao marcar como pauta a procura de consenso e entender o liderado desde unha gobernanza solidaria e compartida". Asegurou que A Coruña é a cidade galega que destina máis fondos á reconstrución social e económica. Unha medida que supón un grande esforzo, xa que "o Goberno local asume competencias que no son propias das administracións locais para levar a cabo un plan ambicioso que permitirá facer fronte ás consecuencias da pandemia".

O voceiro explicou que se establecerá un prazo mínimo de 8 días para presentar alegacións ao modificativo e que o Goberno recorre ao artigo 175 da Lei de facendas locais na tramitación do Modificativo do Orzamento para aprobar o PRESCO para acurtar os trámites. Esta vía posibilita usar os fondos do modificativo de crédito e evitar un mes máis de tramitación.

En canto ás críticas vertidas pola Marea Atlántica, Lage agradeceulle o seu apoio en moitas ocasións e recoñeceulles o dereito a manifestaren diferentes puntos de vista, pero recriminoulles que "se equivocaban de escenario e de momento". "Parece que sempre están cabreados e que votan a favor por non aparecer facendo o contrario". Para o voceiro, desde o principio o Goberno local entendeu que o acordo debía construírse entre todas e todos. Por iso, quixo expresar de maneira explícita o seu recoñecemento ao grupo do Partido Popular.

O orzamento procede de baixas de crédito en diferentes aplicacións que se estima que se poden minorar sen detrimento dos servizos aos que foron adscritas nun principio (8,9 millóns de euros) e do remanente líquido de Tesourería para gastos xerais (4,2 millóns). O plan articúlase en tres eixes; 2,4 millóns para servizos sociais, 8,9 millóns para axudas a persoas autónomas e PEMES, e 1,9 millóns para mellorar os servizos municipais.

Noticias de A. G. Alcaldía

Alcaldía

Sen resultados.

Busca na nosa hemeroteca de AG...

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión