Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de novembro de 2020

A Universidade presenta as liñas mestras de reordenación do espazo portuario interior

O obxectivo deste estudo inicial que se expuxo esta mañá na Comisión de Bordo Litoral é que a cidade se abra ao mar e resolva os problemas de mobilidade coa creación de espazos públicos

A Universidade presentou esta mañá na comisión de Bordo Litoral o primeiro borrador do documento estratéxico da Zona 1 do Porto que encargou o Goberno Local e no que deseñaron as principas liñas estratéxicas de cara á reordenación do espazo portuario interior co fin de recuperar as relacións da cidade co mar e resolver os problemas de mobilidade coa creación de espazos públicos.

Segundo o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, é necesario que as diferentes administracións se involucren nestes traballos iniciais, que poden sufrir cambios a medida que avance o seu deseño definitivo. "Xogámonos o futuro da cidade polo que é necesario un consenso político e interinstitucional e aplicarmos un mecanismo que permita a participación cidadá neste proxecto", apuntou o edil, que remarcou a intención da alcaldesa, Inés Rey, de acordaren entre as distintas administracións a conformación dunha entidade pública que defina unha folla de ruta que xestione a transformación deses espazos portuarios.

Deste xeito, o estudo baséase no progresivo acceso da cidadanía coruñesa aos espazos do porto interior e o desenvolvemento de actividades produtivas competitivas e sustentables neste perímetro que garantan, ao mesmo tempo, o equilibrio financeiro da infraestrutura. Outro dos principais obxectivos está na contribución do proxecto a que o porto sexa competitivo. A reordenación afectará tamén á súa contorna coa dotación de equipamentos nos barrios limítrofes. A idea é que o porto interior impulse todo o bordo litoral da cidade e a súa área metropolitana.

Para acadar estes fins, a Universidade entende que a relación do porto coa cidade tense que facer de forma integral e contando sempre con que os escenarios poderán cambiar en todo este tempo. Ademais, recoñecen que a débeda pola construción do Porto Exterior é un condicionante que hai que resolver de cara a evitar comprometer os usos e intensidades necesarias nos espazos portuarios desafectados.

Por outra banda, no documento prográmanse as actuacións a curto, medio e longo prazo, a medida que vaian desaparecendo as concesións e as actividades portuarias. En todo caso, a reordenación atendería aos principios de sustentabilidade ambiental e social tanto das actividades produtivas como as que non o son, pero que se sitúan igualmente dentro do perímetro. Recoñecen tamén que se trata de espazos compartidos sobre os que teñen competencias distintas administracións.

AVANCE DAS POSIBLES ACTUACIONS NA ZONA 1

Na zona 1, que inclúe, ademais dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo -ocupados actualmente por naves e silos con concesións a piques de caducar-, a avenida do Porto, por ser un espazo de transición coa cidade e o peirao de Trasatlánticos, que podería admitir outras alternativas complementarias ás actuais. Tanto Batería como Calvo Sotelo están contemplados nos convenios de 2004 e no Plan Xeral, e en 2008 a Autoridade Portuaria promoveu a relación dun "Plan Especial de Transformación da Zona de Servizo do Porto da Coruña de Batería e Calvo Sotelo", que non se chegou a aprobar por parte do Concello, pero cuias determinacións se recolleron no Plan Xeral de 2013, aumentando o aproveitamento terciario que xa reflectía o de 2004. Canto á avenida do Porto, proponse unha mellora da súa accesibilidade transversal e integrala nos espazos desafectados de ambos peiraos.

A finalidade é dotar á avenida dunha calidade urbana da que hoxe carece xa que é unha vía de tránsito, polo que se trataría de recuperar as edificacións de valor patrimonial e paisaxístico que habitan nela e poñer a rúa en harmonía coas novas zonas peatonais dos Cantóns e A Mariña. No referente ao peirao de Trasatlánticos, o documento fala da necesidade de adaptar a fronte marítima á chegada de grandes cruceiros que navegan por Europa, dándolle continuidade aos espazos públicos do Parrote e a Dársena. Liberaríanse parcialmente espazos para as e os peóns habilitándose unha nova estación marítima, que servirá de porta de entrada á cidade. Ademais, axeitaranse os peiraos próximos a Trasatlánticos e reorganizaranse os accesos rodados de vehículos e autobuses que poderían dar servizo aos cruceiros.

Tras o estudo da situación actual de Batería, conclúese que este peirao se abriría á cidadanía aportando usos polivalentes. Para iso, cómpre recuperar a titularidade pública dos terreos desafectados en que se reservará espazo para equipamentos culturais e dotacións terciarias e que conectarán cos Cantóns e os xardíns de Méndez Núñez. No ámbito de Calvo Sotelo tamén se lle daría continuidade aos espazos peonís de Méndez Núñez e a avenida de Linares Rivas. Desta maneira, diminuirase o aproveitamento terciario recollido no Plan Xeral co fin de facelo compatible coa súa centralidade. Así mesmo, rehabilitaríanse os Silos do Cantábrico como espazo cultural e conservaríase tamén o mareógrafo e algunhas grúas como patrimonio portuario.

Villoslada lembrou que este documento fai referencia á Zona 1 polo que a Universidade xa traballa na Zona 2 e máis adiante na denominada Zona de Transición (Peirao Este-Linares Rivas).

Noticias de A. G. Comercio, Mercados, Consumo e Barrios​

Comercio, Mercados, Consumo e Barrios​

Sen resultados.

Busca na nosa hemeroteca de AG...

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión