Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de xaneiro de 2021

Goberno municipal e BNG acordan a creación do Consello Económico e Social, Consello Municipal da Cultura e o impulso á ordenanza do galego

José Manuel Lage Tuñas destacou a aposta de Inés Rey polo diálogo como ferramenta de primeiro nivel político para chegar a acordos en beneficio da cidade: “A defensa dos intereses da cidade e o diálogo como ferramenta política son dous piares fundamentais no mandato 2019-2023”

O Concello da Coruña contará no primeiro semestre deste ano cun Consello Económico e Social, un órgano de planificación da estratexia de cidade (desde unha perspectiva comarcal), cunha ampla representación social, empresarial e política, e un espazo de diálogo permanente cos axentes sociais e económicos para perfilar as políticas precisas en cada ámbito.

Así o anunciaron o portavoz do Goberno municipal, José Manuel Lage Tuñas, e o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, reunidos hoxe na comisión bilateral de seguimento dos acordos de mandato entre ambas as formacións, comisión da que tamén forman parte os concelleiros Juan Díaz Villoslada, polo Goberno municipal, e Avia Veira, polo BNG.

O Goberno municipal, ademais, levará ao pleno de febreiro a aprobación dunha ordenanza para regular e impulsar o uso do galego na Administración local, a primeira coa que contará o Concello da Coruña nese ámbito. "Vaise normalizar na Administración local coruñesa o que xa está normalizado no resto de Galicia", indicou Lage Tuñas en alusión a que a cidade é a única das urbes galegas sen unha ordenanza semellante, asunto sobre o que incidiu tamén Francisco Jorquera.

Dentro do impulso ás políticas de participación, o Goberno municipal comprometeuse tamén a poñer en marcha no primeiro semestre deste ano o Consello Municipal da Cultura, novamente un órgano de representación sectorial que permitirá manter unha interlocución permanente co Concello e que, desta forma, facilitará dar unha resposta máis áxil aos problemas e necesidades que xurdan na cidade no ámbito da cultura.

Lage Tuñas suliñou "a oposición crítica e construtiva" do BNG e agradeceu ao seu portavoz, Francisco Jorquera, a súa "capacidade de diálogo e a disposición para chegar a acordos pola cidade por riba de consideracións partidistas".

O portavoz do goberno destacou "a aposta polo diálogo do Goberno que preside Inés Rey" e a capacidade do executivo para chegar a acordos cos outros grupos "poñendo sempre o interese da cidade por riba de calquera consideración partidaria". Lage Tuñas puxo como exemplo de diálogo frutífero a reunión mantida hoxe co BNG, "un bo exemplo do que nos gustaría facer cos restantes grupos".

Fase inicial do novo PRESCO

Por outra banda, Lage Tuñas anunciou que mañá reunirase a mesa de diálogo co comercio e a hostalaría (mesa na que están representados tamén todos os partidos políticos, ademais de representantes de ambos sectores) "tal e como figura no acordo asinado con Marea e BNG sobre ordenanzas fiscais".

A convocatoria do Goberno local aos representantes da hostelaría e o comercio é o primeiro paso previo para avanzar no deseño do próximo plan de rescate co que facer fronte aos efectos da pandemia na Coruña. "Imos escoitar primeiro os directamente afectados e castigados polos efectos económicos da crise da Covid-19. Despois de escoitalos, elaboraremos o novo PRESCO conxuntamente con todos os grupos políticos da corporación", explicou Lage Tuñas.

O voceiro recordou que, unha vez máis, o Concello asumirá con cargo ao seu orzamento competencias que non lle son propias e instou á Xunta a habilitar medidas de apoio económico para o comercio e a hostalaría. O portavoz do Goberno municipal amosou o seu apoio ás medidas sanitarias para conter a pandemia e fixo un chamamento á responsabilidade individual, pero tamén reclamou da Xunta aportacións económicas para os sectores afectados acordes co orzamento que manexa a Administración autonómica, máis de 10.000 millóns de euros ao ano.

"Ao goberno galego pedímoslle un Plan de Rescate da hostalería e o comercio, que están a padecer as consecuencias económicas máis duras do coronavirus", declarou Lage Tuñas.

Noticias de A. G. Concellarías - Mandato 2019-2023

12 resultados

ver máis

Busca na nosa hemeroteca de AG...

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión