Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de setembro de 2020

Inés Rey ” O novo poliduto permitirá liberar os peiraos e recuperar parte da cidade”

A Xunta de Goberno Local concedeulle a Repsol a licenza para construír a nova instalación O concello destina un millón de euros a mellorar as áreas infantís, zonas biosaudables e espazos de lecer da cidade

Na sesión de hoxe a Xunta de Goberno local concedeulle a Repsol licenza para comezar os labores de construción do novo poliduto para descargar o cru, que unirá as instalacións da compañía co porto exterior de Punta Langosteira, e que conta cun orzamento de 3,8 millóns de euros. Repsol, que xa lle aboou ao concello a taxa da licenza, que ascende a 14.778 euros, ten agora seis meses para iniciar os traballos.

Deste xeito,  tal e como explicou a alcaldesa, o Goberno local dálle luz verde a unha instalación de gran transcendencia económica para o sector industrial e para a cidade, que permitirá descargar o cru con todas as medidas de seguridade e ambientais necesarias e, o que é máis importante, "desbloquea e impulsa o último paso para un proxecto que lle permitirá liberar os peiraos, recuperar parte da cidade e construír unha cidade nova dentro da cidade: un novo ensanche"

Ademais, a Xunta de Goberno Local deulle luz verde á contratación do servizo de mantemento, conservación e reposición de áreas infantís, zonas biosaudables e espazos lúdicos urbanos por un importe de 999.785 euros e unha duración de dous anos, prorrogables anualmente por tres máis até un máximo de cinco.

Doutra banda, tamén se lle concedeu licenza á empresa Abeconsa SL para modificar as obras autorizadas para construír un edificio na rúa Alfredo Vicenti, 34 e rúa Pondal, 14. As modificacións que se introducen son a redución do número de vivendas e ampliación de prazas de aparcamento e beirados sen afectarlles aos valores protexidos do edificio nin ás condicións impostas polo órgano competente da Consellería de Cultura en protección de patrimonio cultural. O orzamento de execución das obras é de 1,9 millóns de euros.

Na sesión tamén se informou das 23 licenzas urbanísticas outorgadas do 7 ao 18 de setembro. Neste período resolvéronse un total de 178 expedientes.

A Xunta de Goberno Local tamén acordou corrixir os erros materiais detectados no acordo da XGL do 7 de agosto de 2020 en que se aprobou de maneira definitiva a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello da Coruña e as súas normas de xestión.

No ámbito de Benestar Social, a Xunta de Goberno local deulles luz verde a dous convenios de colaboración con Cruz Vermella e Cáritas Diocesana para desenvolver programas de atención a persoas maiores que se encontran en situación de soidade, por un importe de 100.000 euros e 75.000 euros respectivamente.

Doutra banda, concedeulle á entidade Amigos da Ópera unha subvención nominativa coa finalizade de contribuír ao financiamento da Tempada Lírica 2020, por un importe de 80.000 euros.

Na Área de Medio Ambiente, a empresa Xalo Obras e Servicios SL terá unha prórroga do contrato de servizo de limpeza e mantemento de aseos públicos por un importe de 404.315 euros do 1 de decembro de 2020 até o 30 de novembro de 2021.

Ademais, autorizouse unha modificación do contrato para prestar o servizo de reparación e mantemento dos espazos exteriores dos Colexios Públicos de Educación Infantil e Primaria (CEIP), Centros de Educación Especial (CEE) e Centros Públicos e Promoción de Adultos (EPAPU). A modificación supón un incremento do prezo do contrato por un importe total de 36.800 euros.

Noticias de A. G. Alcaldía

Alcaldía

Sen resultados.

Busca na nosa hemeroteca de AG...

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión