Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de xuño de 2020

Luz verde á licitación do proxecto de construción dun edificio de vivendas que o concello promove no Parque Ofimático

A Xunta de Goberno Local ten previsto autorizar tamén a remodelación do centro comercial Espacio Coruña.

A Xunta de Goberno Local que se celebra mañá ten previsto darlle luz verde á licitación do proxecto e a dirección das obras correspondentes á construción dun edificio de vivendas de promoción pública que o concello promove na parcela Z-37 do Parque Ofimático.

O orzamento de licitación das obras non poderá superar o importe máximo de 8.086.478 euros. O prazo para a redacción do proxecto de execución será de nove meses, que empezarán a contar desde a formalización do contrato, incluirá unha entrega intermedia do proxecto básico nos tres primeiros meses, e finalizará coa entrega do documento completo na Oficina de Supervisión de Proxectos do concello. Ademais, estableceranse novos prazos para a corrección de deficiencias ou para realizar correccións. O prazo estimado para a dirección de obra é de 18 meses, pero poderá modificarse en función do que se estableza no propio proxecto.

Ademais, a Xunta de Goberno Local autorizará a remodelación do centro comercial Espacio Coruña. O Goberno local concederalle a licenza a Espazo Coruña Shopping, SL para reformar as plantas baixa e primeira e o acceso norte do centro comercial situado na rúa José Pascual López Cortón, 10. O prazo para iniciar asobras é de 6 meses. O proxecto non supón a demolición do edificio. Na planta comercial 0, a reforma inclúe case a totalidade da mesma, pasando de 40 locais a 13 locais e 4 quioscos. Na planta 1 pasarase de dispoñer de 45 locais a 32. Mentres que na planta 2 e a cuberta os cambios son debidos á colocación dunha nova escaleira de evacuación. Ademais, o proxecto contempla actuacións sobre o acceso norte, elementos comúns, escaleiras, fachadas e melloras na accesibilidade.

A Xunta de Goberno Local tamén lle concederá a Abanca Corporación licenza para modificar a distribución das plantas baixa, entreplanta e soto do edificio de oficinas situado na rúa Nova. A licenza ten por obxecto permitir as modificacións do proxecto autorizado pola Xunta de Goberno local o 24 de agosto de 2018 para rehabilitar e reformar o edificio que é a sede da entidade bancaria.

A rehabilitación contempla a instalación de escaleiras mecánicas, sistema de tornos para o control de acceso, e a ampliación do espazo da recepción, polo que será necesario facer obras na fachada.

Doutra banda, o Goberno municipal aceptará de maneira parcial o recurso presentado pola Asociación Galega de Familias numerosas contra o acordo da Xunta de Goberno Local do 17 de xuño, polo que se aprobaron as bases reguladoras do proceso de admisión nas escolas infantís municipais para o curso 2020-2021. O concello incluirá un apartado de valoración por familia numerosa de 2 puntos dentro do apartado de cálculo da situación sociofamiliar, e desestimará a segunda petición en que se solicita que se valore no baremo económico a renda per cápita (renda anual dividida polo número de membros) ao entender que se incorrería nunha acumulación de beneficios para unha mesma finalidade e por un mesmo motivo (número de integrantes da unidade familiar).

Na sesión de mañá e no ámbito social, aprobarase a firma do convenio de colaboración entre o Concello e a Asociación Ciudadana de Lucha contra la Droga (ACLAD), cun orzamento de 220.000 euros para financiar os gastos de mantemento das actividades realizadas polas unidades asistenciais de atención a persoas drogodependentes para o ano 2020. Tamén se lle dará luz verde ao convenio entre o concello e Cáritas, para o financiamento do programa de axudas sociais dirixido a persoas en situación de necesidade, que contará cun orzamento de 130.000 euros.

Ademais, o Goberno local autorizará a firma de convenios de colaboración coa Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos (91.000 euros) para financiar os gastos de funcionamento; coa Fundación Adcor (61.000 euros) para un servizo de formación para o emprego de persoas con diversidade intelectual, e con Cruz Roja Española (89.000 euros) para o financiamento do servizo de urxencias sociais SEMUS e do programa "transporte sanitario" cun orzamento de 64.000 euros.

Noticias de A. G. Deportes

Deportes

10 resultados

ver máis

Busca na nosa hemeroteca de AG...

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión