22 de marzo de 2020
No día de hoxe, e de acordo coa Concellería de Mercados, está a procederse á desinfección interior e exterior dos mercados de San Agustín e Praza de Lugo
A Concellería de Medio Ambiente intensificou a desinfección nos edificios e nas dependencias de titularidade municipal nas últimas horas co fin de combater a expansión do COVID19.
No día de hoxe, e de acordo coa Concellería de Mercados, procedeuse á desinfección interior e exterior dos mercados de San Agustín e Praza de Lugo, tarefa que continuará o luns e martes no resto dos mercados da cidade; ao seren estes unhas localizacións de trasfega diaria de persoas, este protocolo de desinfección farase de forma continuada.
A concellería, que con anterioridade ao Decreto do estado de alarma activara un protocolo de desinfección, e que entrou en funcionamento co foco orixinado no Centro Cívico de Feáns, procedeu a desinfectar o pavillón dos Rosales (por un positivo entre as persoas usuarias), o Centro de Control de Tráfico, o pavillón de Riazor na súa totalidade, e o Colexio Víctor López Seoane. Ademais, dotou a Policía Municipal e o Corpo de Bombeiros de instrumental para realizar a desinfección dos seus cuarteis, e comezou a lavar as rúas con solución de hipoclorito.
A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, asegura que todos os aseos públicos son desinfectados diariamente dúas veces, ademais de activar o sistema de desinfección de colectores.
Así mesmo, e seguindo as indicacións da Concellería de Deportes desinfectaranse todas as instalacións deportivas que este servizo considere necesario, tal como se fixo nos pavillóns de Riazor e Rosales. De igual maneira procederase nos CEIP, bibliotecas e escolas infantís, atendendo as prioridades marcadas desde a Concellería de Educación e Cultura, e nos centros cívicos e demais edificios dependentes de Asuntos Sociais.
Para todo este dispositivo de desinfección a Concellería de Medio Ambiente reforzou, e ségueo facendo, os equipos ata duplicalos ou triplicalos se fose necesario.
O obxectivo é desinfectar a fondo e clausurar todas as dependencias municipais que non vaian ser utilizadas, e realizar a desinfección diariamente daqueloutras que aínda permanecen abertas, á vez que atender calquera continxencia que vaia xurdindo durante o tempo que dure o estado de alarma.
Alcaldía
Sen resultados.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible