Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de maio de 2020

Medio Ambiente intensificará a limpeza e desinfección nas zonas comerciais e de hostalaría ante o inicio da fase 1

A concellería recorda as normas de hixiene e salubridade tanto para as/os profesionais do sector como para a clientela de cara a apertura mañá das terrazas dos locais

Ante o inicio mañá da fase 1 do plan de  desescalada, a Concellería de Medio Ambiente intensificará os labores de limpeza e desinfección nas zonas comerciais e de hostalaría da cidade. O obxectivo é que os espazos públicos próximos a zonas comerciais e de lecer se atopen en perfectas condicións de cara a presenza de persoas e mobilidade.

As/os responsables municipais insisten en que a limpeza nos lugares públicos é agora máis que nunca imprescindible xa que "compromete a nosa saúde e a loita de semanas que levamos contra a COVID 19". Por iso, reforzarase o servizo nestas zonas, tanto no que se refire a persoal como a medios e horarios, para que en todo momento se garanta un estado óptimo dos espazos.

Desde a concellería confían en que a veciñanza se comprometa a manter limpa a cidade, evitando arroxar ao chan calquera tipo de residuo que poida resultar infeccioso: vasos de plástico con restos de bebida, culleriñas, envoltorios, restos de alimentos, cabichas, chicles, cascas de pipas... Neste sentido, cabe destacar o bo comportamento da cidadanía nestas semanas de volta ao traballo e de maior tránsito no centro e nos barrios.

En todo caso, debido á aparición dalgúns comportamentos irregulares, desde a concellería confían no espírito cívico da cidadanía para que se respecte as normas de limpeza nos espazos públicos, sobre todo, agora que comeza a apertura de terrazas. "Facemos un chamamento á colaboración cidadá para evitar esas prácticas minoritarias que constitúen un risco para poder seguirmos avanzando na  desescalada e non sufrirmos ningún retroceso", explica a edila de Medio Ambiente, Esther  Fontán.

Desde esta concellería e completando as normas trasladadas desde as áreas de Urbanismo e de Turismo, así como as que inclúe a Orde SND 399/2020 publicada onte no BOE, lembran que nos establecementos de hostalaría que poderán abrir as súas terrazas mañá deberase gardar a distancia de dous metros entre as mesas cunha capacidade máxima por mesa de dez persoas. Ademais, deberase limpar e desinfectar todo o equipamento exterior do local, fundamentalmente as cadeiras e mesas, pero tamén as mamparas e todo tipo de separadores, toldos ou sombrillas. Utilizaranse preferentemente manteis dun só uso e eliminaranse os servilleteiros, aceiteiras, vinagreiras e palilleiros, etc, que se poderán substituír por monodoses, igual que as cartas de uso común. Neste caso, poderanse empregar pizarras, dispositivos electrónicos ou cartelería.

Canto ao uniforme ou roupa de traballo de camareiras/os, cociñeiras/os, e, en xeral, a de todo o cadro de persoal do establecemento debe ser lavada e desinfectada a diario. A vaixela, cristalaría e cubertos almacenaranse en recintos pechados e/ou lonxe das zonas de paso de traballadoras/es e da clientela. Os dispensadores de xel hidroalcólico deberán estar ao dispor de todos os clientas/es e en sitios ben visibles. Só se poderá acceder aos aseos individualmente, agás aquelas persoas que necesiten asistencia; aseos que, a súa vez, contarán con todo o material necesario de uso persoal e que se deberán limpar e desinfectar alomenos seis veces ao día.

Os produtos para limpeza e desinfección necesarios están incluídos na Orde Ministerial, pero basicamente é lixivia e calquera outro produto desinfectante dos existentes no mercado disoltos en auga quente e sen facer nunca mesturas entre eles. Deberase dispor de papeleiras, preferentemente de tapa e con pedal, tanto nos aseos como nas propias terrazas. Estes elementos baleiraranse como mínimo unha vez ao día. Terá que haber borralleiros  en cantidade suficiente e limparanse tras cada utilización de mesa, con coidado de que as cabichas non acaben no chan.

Por outra banda, o mobiliario das terrazas deberase retirar e colocar de novo respectando sempre os horarios para lles facilitar a limpeza ás/aos encargados dos servizos municipais; aínda así, rógase que cada establecemento manteña o chan da terraza o máis limpo posible ao final de cada xornada. As bolsas de residuos deberanse depositar coma sempre nos contedores correspondentes e nunca no chan, comprobando que estean perfectamente cerradas e que delas non se desprenda ningún líquido. Rógase separar correctamente o cartón e o cristal para depositalos nos contedores correspondentes.

Fontán sinala que se as terrazas e os establecementos hostaleiros locen limpos e ordeados "non cabe dúbida de que non só contribuiremos a defendérmonos da transmisión do virus senón tamén a desfrutar con máis tranquilidade e seguridade destes tan merecidos e desexados momentos de lecer", afirmou a concelleira.

Noticias de A. G. Comercio, Mercados, Consumo e Barrios​

Comercio, Mercados, Consumo e Barrios​

Sen resultados.

Busca na nosa hemeroteca de AG...

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión