Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de xaneiro de 2023

Desde o comezo da campaña, o persoal da instalación repartiu 6.000 xoguetes, un 75 % do total de obxectos recibidos

A Casa dos Xoguetes pecha unha edición de récord, coa recepción de 8.000 doazóns nesta campaña de Nadal

A iniciativa, impulsada polo Concello, busca promover a economía circular e o consumo responsable, alongando o ciclo de vida dos xoguetes e incentivando a súa reutilización

As instalacións da Casa dos Xoguetes, unha iniciativa promovida polo Concello co obxectivo de impulsar a economía circular e o consumo consciente e responsable, pechan hoxe as súas portas tras máis dun mes de actividade e cun balance récord: un total de 8.000 obxectos donados pola cidadanía -medio milleiro máis que na edición anterior-, para alongar o ciclo de vida dos xoguetes e incentivar a súa reutilización, dándolles unha segunda vida.

A Casa dos Xoguetes, habilitada neste Nadal na Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), na rúa Costa da Palloza, 8, comezou a súa actividade o pasado día 1 de decembro. Será hoxe, xoves 5, cando remate o prazo de recepción de xoguetes, aberto ata esta tarde, ás 19.00 horas.

Na Casa dos Xoguetes, e en contraprestación polos obxectos doados, a persoa usuaria recibe cupóns que pode intercambiar, posteriormente, polos xoguetes que máis lle gusten de entre todos os expostos nese momento.

Por outra banda, e no caso de que a persoa usuaria soamente desexe doar obxectos sen recibir cupóns a cambio, o persoal de atención da Casa das Xoguetes recolle os xoguetes en cuestión para entregarllos posteriormente a persoas que os precisen. Desde o comezo da campaña, o persoal da instalación repartiu 6.000 xoguetes, un 75 % do total dos recibidos.

Ao igual que en campañas previas, non se aceptaron xoguetes que non estivesen en perfectas condicións para poder ter dunha segunda vida nas mans de outras nenas e nenos. Ademais, todos os xoguetes levan o distintivo CE, símbolo que certifica que cumpren coa normativa europea de seguridade.

Obradoiros e contacontos para a rapazada

Por outra banda, e ademais da recepción de xoguetes, na Casa dos Xoguetes tamén se promoveron diversos obradoiros creativos de Nadal e contacontos para a rapazada de entre 4 e 10 anos de idade. As actividades, impulsadas a través da Concellaría de Comercio, Mercados e Barrios, prolongáronse ata o 29 de decembro, incluíndo talleres para a fabricación de adornos para a árbore de Nadal e agasallos como moedeiros feitos a base de materiais reciclados.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión