Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de marzo de 2021

A nova Oficina Municipal de Voluntariado canalizará as iniciativas das entidades da cidade

A nova dependencia, situada no Paseo das Pontes, súmase á oficina en liña www.coruna.gal/voluntariado e á sede localizada nas oficinas do Servizo de Participación Cidadá. “Este novo espazo contribuirá ao desenvolvemento dos programas e iniciativas que xa se están levando a cabo desde o Concello a través de diferentes servizos municipais”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey.

A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, visitaron esta mañá a nova Oficina Municipal de Voluntariado no Paseo das Pontes.

"Esta dependencia municipal nace coa vocación de converterse nun referente para o voluntariado da cidade e contribúe ao desenvolvemento dos programas e iniciativas que xa se están levando a cabo desde o Concello a través de diferentes servizos municipais", apuntou a rexedora. O novo espazo, explicou a concelleira, "servirá para canalizar o voluntariado da Coruña e será un punto de interlocución permanente coas diferentes entidades especializadas da cidade, que se estenderá a todas aquelas entidades sociais que queiran levar a cabo estes programas no municipio". Yoya Neira destacou que, deste xeito, "amplíanse as posibilidades de participación das persoas interesadas, a través da posta en marcha de novos proxectos de voluntariado municipal que completen a oferta que xa existe na actualidade".

Tras desenvolver dous dispositivos de acción voluntaria activados por esta concellería para responder á situación de emerxencia sanitaria pola crise da COVID-19, o Concello considera que o voluntariado constitúe un dos modos básicos de participación da cidadanía na vida pública, "na que a solidariedade e o compromiso son os valores predominantes", sinalou Rey. A alcaldesa gabou o traballo da concellería que dirixe Yoya Neira que, unha vez máis, "involucra á administración coa sociedade civil".

Neira salientou que o servizo fará especial fincapé "nos menores, de entre 16 e 18 anos, porque hai moitas nenas e nenos que querendo facer voluntariado non podían até o momento".

Neste contexto, o Goberno local puxo en marcha este servizo, que funciona como unha oficina en liña -a través da ligazón www.coruna.gal/voluntariado- e conta con dúas sedes fiscais: a propia oficina situada nas dependencias do Servizo de Participación Cidadá (rúa Castiñeiras, 23) e o novo punto de apoio localizado no Paseo das Pontes. 

A nova oficina, que botará a andar en colaboración coa Plataforma Coruñesa de Voluntariado, estará aberta ao público os martes e os xoves, das 17.00 ás 19.00 h e, entre outras tarefas, atenderá de maneira presencial, telefónica e virtual; realizará traballos de mediación coas persoas voluntarias e entidades e organizacións de voluntariado coruñesas; asesorará e informará sobre programas activos, normativa legal e formación; atenderá o voluntariado municipal; e apoiará as accións de difusión e comunicación.

O Concello, como promotor deste servizo no municipio, estrutura o servizo a través de seis grandes ámbitos, que ofrecen distintos programas vinculados ás súas competencias: Participación Cidadá, Benestar Social, Mocidade, Bibliotecas, Deportes e Protección Civil. Desde estes ámbitos, desenvólvense neste momento 13 programas, cos que o consistorio busca favorecer a participación cidadá e a acción voluntaria por parte da poboación e promover a solidariedade entre a veciñanza coruñesa, xunto cun concepto de cidadanía activa.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión