Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de setembro de 2020

A Xunta de Goberno Local aprobará investimentos en obras e servizos por máis de 20 millóns de euros

Na sesión de mañá daráselle luz verde á reforma do mercado de Monte Alto e aprobarase o proxecto de finalización dos traballos de urbanización do “Parque Ofimático”.

A Xunta de Goberno local aprobará mañá investimentos en obras e servizos por máis de  20 millóns de euros. Destacan nestes investimentos municipais a aprobación do proxecto de urbanización do Ofimático (13 millóns de euros), a aprobación da reforma do Mercado, a escola infantil e a praza de Monte Alto (3,8 millóns de euros), o acceso peonil desde O Birloque até Pocomaco (403.000 euros), a licitación da subministración de estacións e bicicletas para o servizo de BiciCoruña (1,7 millóns), a adxudicación da reforma do Remanso (359.140 euros), a licitación das obras de mellora de accesibilidade (elevador) nos Castros (486.709 euros) e a adxudicación da estabilización do noiro rochoso da avenida de Arteixo (516.800 euros), entre outras.

O acceso peonil ao polígono de Pocomaco desde o Birloque cun orzamento de 403.383. euros pertence á Estratexia EidusCoruña e está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). As obras permitirán conectar a pé os barrios de Novo Mesoiro e Pocomaco co Birloque; realizar un paso inferior baixo a vía de ferrocarril correspondente á intersección San Cristovo‐ Uxes; e crear un carril bici e unha beirarrúa peonil desde o Polígono de Pocomaco cara ao Birloque, con todos os servizos necesarios.

Na sesión, daráselle luz verde á reforma do mercado de Monte Alto, unha obra proxectada desde hai dous mandatos e que finalmente se comezará a executar cun orzamento de 3,7 millóns, en que se cambiará a imaxe do inmoble con espazo para a vexetación ou unha balconada, e con equipamentos como un aparcadoiro máis accesible, un elevador para as persoas usuarias da praza e un segundo de uso público que comunicará o barrio de xeito vertical. No lado norte, incorporarase a escola infantil e o mercado terá unha maior conexión co exterior cunha parte superior destinada aos postos de peixe e carne e diante deles, a zona seca destinada á compra e venda de froitas, verduras e outros produtos. O proxecto reservará dous locais polivalentes coa opción de poder xuntalos e crear un único espazo, que contarán á súa vez con metros cadrados pensados para almacén, aseos e vestiarios.

A Xunta de Goberno adxudicaralle o contrato das obras de reforma do pavillón situado na praza de José Toubes Pego á empresa Desarrollo Obras e Servizos SL, por un importe de 359.140,10 euros. Estas obras están financiadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo  plurirrexional de España 2014-2020. Executaranse no prazo de 8 meses.

Tamén se aprobará definitivamente o proxecto de finalización das obras de urbanización do "Parque Ofimático", correspondentes á primeira etapa recollida na modificación do Plan parcial vixente. O orzamento ascende a 13.593.000 euros. A segunda fase do proxecto consistirá en adecuar os terreos próximos ás vías do tren e pavimentar e instalar mobiliario, xardinería, rega e de xogos infantís nos espazos libres do barrio de Xuxán,. Incluirase unha praza central e a execución das vías que está pendente, que tamén se pavimentará e equipará con elementos para o lecer, vexetación e varandas.

Ademais, autorizarase a contratación, por un importe de 1.792.030 euros, da subministración de bicicletas, postos de ancoraxe, sistemas tic e sóftware de xestión para o servizo de bicicletas de uso público da Coruña, financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER e o marco do eixe 12 de desenvolvemento urbano do programa plurirrexional de España cun prazo de duración de oito meses. O Goberno amplía o número de estacións e substitúe as actuais. A praza de Portugal, Novo Mesoiro, Pocomaco, parque de Oza, o complexo deportivo de Elviña, o parque de Eirís, e Os Mallos contarán con estacións.

A Xunta de Goberno tamén autorizará a contratación das obras para construír un ascensor nos Castros, cun orzamento de 486.709 euros e adxudicará as obras da estabilización do noiro rochoso da avenida de Arteixo (516.800 euros).

Doutra banda, entre o 24 de xullo e o 27 de agosto, resolvéronse 44 licenzas urbanísticas e autorizáronse 208 obras en réxime de comunicado; 60 para o exercicio de actividades en réxime de comunicación previa e outras 25 máis para actividades en réxime de declaración responsable. Así mesmo, tramitáronse outros expedientes como tres finalizacións do procedemento de reclamacións patrimoniais e tres licenzas de primeira ocupación, entre as que destaca a que permitirá que as e os cooperativistas de Xuxán poidan entrar xa viviren no edificio situado na parcela Z-25. Concederáselle tamén a licenza á empresa Pontegadea España SLU para adaptar o interior do antigo edificio do Banco Hispano, situado no Cantón Grande, número 4, como futura sede da Fundación Amancio Ortega. 

Canto á mobilidade, informarase do cambio solicitado pola empresa Setex, concesionaria do servizo da ORA, en que a app para o pagamento do estacionamento Easypark substituirá a E-park. A aplicación actual poderá seguir sendo empregada. A utilización da aplicación de Easypark será gratuíta para as persoas usuarias durante toda a vixencia da concesión a as súas posibles prórrogas, e non terán que precargar o moedeiro electrónico, xa que se aboará cada operación de aparcamento no momento que se produza.  O sistema permitirá que os saldos das persoas usuarias de E-park que migren a Easypark sexan trasladados coa nova aplicación.

Canto a Medio Ambiente, a Xunta de Goberno aprobará a modificación da Ordenanza municipal de xestión de residuos municipais e limpeza viaria, pola que se autoriza o Concello para que se faga cargo da eliminación de pintadas en edificios que non son de titularidade municipal. 

En materia de Benestar Social, autorizaranse 150.000 euros para financiar un programa de axudas sociais da institución Padre Rubinos dirixido a persoas en situación de necesidade no municipio da Coruña. Este é un dos convenios que se aprobaron co modificativo do PRESCO para aumentar a cantidade reservada a axudas sociais. Tamén se investirán 107.200 euros en subscribir un convenio de colaboración, a través do cal o Concello e a Asociación Provivienda desenvolverán un programa do modelo Housing First na cidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión