Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de maio de 2023

A saída da andaina terá lugar este venres 5 de maio, ás 11.00 horas, en dirección á Torre de Hércules, onde terá lugar a festa final ao pé do monumento

Case 2.000 alumnas e alumnos de centros educativos coruñeses formarán parte este ano da Festa do Correlingua, con percorrido entre Riazor e a Torre

A iniciativa, promovida pola Asociación Cultural Correlingua, conta co apoio do Concello. Na cita estarán presentes uns vinte centros educativos da cidade e concellos da provincia, como Arteixo, Cambre e Oleiros

A sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda na rúa de San Andrés acolleu esta mañá a presentación da Festa do Correlingua 2023 na Coruña, unha cita que volverá este venres 5 ás rúas da cidade e na que participarán case 2.000 alumnas e alumnos de toda a provincia da Coruña. Esta iniciativa conta co apoio do Concello a través do servizo municipal de Normalización Lingüística.

A andaina sairá ás 11.00 horas desde o pavillón polideportivo de Riazor en dirección á Torre de Hércules. Alí, ao pé do monumento e nun acto conducido pola actriz Isabel Risco, terá lugar a festa final, na que participarán uns 20 centros educativos da cidade e tamén das comarcas e concellos próximos. Entre eles, os de Arteixo, A Laracha, Cambre, Carral, Cerceda, Laxe, Oleiros e Vimianzo.

Tras a leitura dun manifesto, a rapazada poderá disfrutar coa música do grupo 'Cuarta Xusta' e tamén coa entrega dos premios destinados ás alumnas e alumnos gañadores dos concursos escolares contextualizados no Correlingua.

A Festa do Correlingua 2023, promovida pola Asociación Cultural Correlingua e que nesta edición inclúe o lema 'Na casa, na escola, bota a lingua fóra', ideouse co obxectivo de promover a normalización lingüística do galego entre a mocidade e a infancia, coincidindo case no tempo co Día das Letras Galegas. Esta iniciativa vai xa pola súa vixésimo terceira edición, implicando ao longo deste tempo a multitude de centros de ensino a escala galega e tamén ao seu alumnado, contando co apoio, ademais, de persoeiros e organizacións de todo tipo.

O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, animou á cidadanía a participar, e apuntou "á importancia que supón a organización do Correlingua en termos de normalización lingüística, un compromiso que asumimos desde as institucións porque a lingua é o elemento máis singular para a identificación dun pobo".

Ademais de José Manuel Lage, na presentación da Festa do Correlingua 2023 tamén estiveron presentes Celia Armas, coordinadora comarcal de Correlingua e secretaria da Mesa pola Normalización Lingüística, Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, Patricia Varela, presidenta da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e Telmo Cillero, director do ximnasio Ártabros, patrocinador do evento deste ano.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión