Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de decembro de 2021

‘Ceos austrais’, nova exposición fotográfica na Casa das Ciencias

A mostra, obra do astrofotógrafo e divulgador Óscar Blanco, amosa imaxes imposibles de ver desde as nosas latitudes

A Casa das Ciencias da Coruña estrea unha nova exposición fotográfica esta semana. Trátase de 'Ceos austrais', de Óscar Blanco Varela. A mostra presenta nove imaxes do firmamento do hemisferio sur.

Desde este mércores 22 de decembro estará dispoñible na planta baixa da Casa das Ciencias para goce dos visitantes do museo de Santa Margarida. A mostra contén nove imaxes tomadas en Australia, Namibia, Chile e Bolivia polo astrofotógrafo Óscar Blanco Varela, na que se mostran estrelas e constelacións que non é posible observar desde as nosas latitudes.

A Vía Láctea atravesando o firmamento nunha posición que desde Galicia non podemos ver; as nosas galaxias veciñas, as nubes de Magallanes, a constelación da Cruz do Sur, a  nebulosa de  Carina; ou o centro galáctico desde o deserto de Atacama son só algunhas das imaxes que é posible contemplar nesta exposición.

Óscar Blanco Varela é divulgador e astrofotógrafo. Socio fundador da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e xerente do Centro Astronómico de Trevinca (A Veiga), viaxou por todos os continentes na procura de ceos estrelados e eventos astronómicos, como eclipses totais de Sol ou auroras.

Coincidindo con esta inauguración, a Casa das Ciencias tamén comeza a repartir entre os seus visitantes un planisferio dos dous hemisferios, norte e sur, coas constelacións en galego. A Real Academia Galega presentou fai algo máis dun ano a lista normalizada e oficial dos nomes das oitenta e oito constelacións recoñecidas pola Unión Astronómica Internacional, que agora se converte en publicación grazas á Agrupación Astronómica Ío.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión