Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de maio de 2021

Inés Rey: “Abriremos de novo o parque de Santa Margarida á cidadanía”

O Goberno local dálle luz verde ao Plan Director deste espazo que servirá para mellorar a accesibilidade e renovar os espazos verdes e os equipamentos existentes

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá a aprobación na Xunta de Goberno local do Plan Director de Santa Margarida; "unha ferramenta que servirá para xestionar a mellora deste espazo emblemático; un dos principais pulmóns verdes do centro da cidade que vai a ser mellorado e acondicionado para o lecer das coruñesas e dos coruñeses".

O noso obxectivo, dixo, é abrir o parque á cidadanía. "Retomamos un proxecto para recuperar unha zona verde vital para a cidade", apuntou Rey, quen subliñou que tras a recuperación dos Xardíns de Méndez Núñez, se inicia a senda para que o monte de Santa Margarida recupere o seu esplendor e volva ser un lugar de orgullo e lecer para a cidadanía. O plan permitirá actuar de maneira integral en todo o parque e acometer actuacións relativas á mellora da accesibilidade, do mantemento das zonas verdes e e dos equipamentos existentes. O Goberno local ten previsto investir máis de tres millóns na reforma paulatina do parque.

No documento están recollidas tanto propostas relativas ao arboredo (podas, novas plantacións, nova vexetación, zonas de céspede) como aquelas relativas ás infraestruturas (nova iluminación, melloras na evacuación de augas, novos pavimentos)  e aos equipamentos existentes (cambios nas zonas infantís e na área canina, melloras no auditorio...).

Un dos obxectivos fundamentais do plan director é a apertura do parque á cidade para o que se intervén no muro perimetral suprimíndoo ou facéndoo máis permeable en determinadas zonas. Ademais, búscase a renovación completa cunha imaxe unitaria e modernizada da zona verde na que fundamentalmente priman os criterios medio ambientais. Para facilitar a execución das diferentes propostas, o Plan Director divide o ámbito en 14 zonas que se irán executando a partir dun plan detallado para cada ámbito. Os traballos comezarán na zona 9 na área canina que limita coa rúa Padre Sarmiento, onde se mellorarán os accesos, se abrirán novos camiños e se rexenerará a zona da pradería.

CIDADE DAS TICS

Doutra banda, a alcaldesa sinalou que o Goberno local dá hoxe un paso máis na súa aposta pola Cidade das Tic ao lle conceder á Universidade a licenza para rehabilitar a nave número 2 da Fábrica de Armas con fin de transformala nun centro de servizos avanzados, CSA. "Unha mostra do noso compromiso cun proxecto que situará á cidade e a  Galicia na cabeza da investigación tecnolóxica, ademais de crear novos postos de traballo de alta cualificación", dixo.

O prazo para iniciar as obras é de seis meses, e o de execución, de dous anos. A nave acollerá zonas comúns, laboratorios avanzados e áreas destinadas a empresas do sector.

ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS

Tamén destacou que o Goberno local respondeu ao compromiso anunciado hai meses con respecto ás Escolas Deportivas Municipais ao incrementar en 436.291 euros o contrato das escolas deportivas con fin de mellorar as condicións laborais do persoal da empresa que leva anos demandando que se lle igualen as categorías profesionais. No novo contrato todas as profesoras e profesores deberán ter a condición de profesor/a titular. 

O novo contrato do servizo que se saca a licitación é de 1.151.280 de euros. O contrato inclúe a prestación de servizos de escolas deportivas municipais (escolas deportivas de outubro a xuño, programa de natación escolar, escolas de verán, escolas para persoas con discapacidade... ). As empresas deberán presentar ademais un plan de formación do seu persoal traballador, que se deberá cumprir ao longo da duración do contrato.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión