Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de xuño de 2021

Inés Rey: “Queremos facer unha Coruña máis igualitaria e sostible”

A alcaldesa realizou esta mañá un balance da súa xestión no ecuador do mandato e avanzou os eixes que vertebrarán a actuación do Goberno local nos vindeiros dous anos, en que se farán investimentos en todos os barrios por valor de 50 millóns de euros.

Facer da Coruña unha cidade máis igualitaria, con máis oportunidades para as coruñesas e os coruñeses, con mellor calidade de vida. Estes son os eixes que vertebrarán a actuación do Goberno local nos vindeiros dous anos en que se farán investimentos con fondos propios en todos os barrios da cidade por valor de 50 millóns de euros. A alcaldesa, Inés Rey, que xunto ao grupo de Goberno fixo esta mañá no Aquarium balance da súa xestión no ecuador do mandato, quixo aproveitar a ocasión para avanzar os seus obxectivos de cara aos vindeiros dous anos. "Non debemos centrarnos na autocompracencia polo feito, nin perder moito tempo mirando cara a atrás. É momento de mirar cara a diante e configurar o camiño que nos queda por percorrer", dixo.

A alcaldesa cualificou de esenciais os acordos alcanzados cos grupos da oposición durante a crise da pandemia, e apuntou que a súa vontade é acadar novos pactos para construír unha cidade máis igualitaria. "É de xustiza agradecerlle á oposición a súa colaboración e apoio para afrontar os investimentos e plans máis importantes que puxemos en marcha até agora, en especial agradezo o apoio brindado desde as forzas progresistas. O apoio dos grupos do BNG e da Marea Atlántica foi esencial para poñer en marcha importantes melloras e así teño que recoñecelo e agradecelo", dixo.

Rey lembrou unha vez máis que empezou o mandato declarando que este sería o mandato do diálogo: "Diálogo co resto das forzas políticas e diálogo con outras administracións por enriba das lexítimas diferenzas", e resumiu en catro eixes as actuacións levadas a cabo polo seu Goberno durante a primeira metade do mandato:

1-Unha cidade con máis oportunidades. Contribuíndo á dinamización económica axilizando os trámites e facilitando o investimento privado. Dende o 1 de xullo de 2019 concedéronse na cidade 1.553 licenzas de actividade e 1.279 de obra, a meirande parte delas de vivenda.

2-Unha cidade máis humana. Apostando por gañar espazo para as persoas. Nestes dous anos creáronse 30.900 metros cadrados de novos espazos peonís e mellorouse a calidade urbana da cidade con 419 actuacións executadas por valor de 29 millóns de euros.

3-Unha cidade solidaria. Actuando con todos os recursos dispoñibles para facer fronte á pandemia. Entre o PRESCO do 2020 e a proposta que se está a negociar para este ano, os fondos destinados a mitigar os efectos da Covid, só con eses plans, superan os 20 millóns de euros. Ningún concello en Galicia mobilizou esa cantidade de recursos. E ningún en España do tamaño do noso fixo o mesmo.

4-Unha cidade dialogante. O resultado foron compromisos de investimentos na cidade que superan os 700 millóns de euros: o tren a Langosteira, a rexeneración da ría do Burgo, a estación Intermodal, a reforma de Alfonso Molina, a ampliación da Pasaxe e a construción do novo Chuac son os feitos máis visibles.

A rexedora quixo centrarse nos vindeiros dous anos en que o Goberno local, dixo, seguirá apostando por establecer unha nova relación entre a cidadanía e a cidade cunha nova mobilidade, unha Coruña que camiña, afondando nas peonalizacións co obxectivo de dobrar a superficie peonil ampliada nestes dous anos, ata os 45.000 metros cadrados. "Queremos unha cidade na que as rúas e prazas deixen de ser pensadas como lugar de paso para ser un lugar no que estar", dixo ao tempo que incidiu na expansión dos espazos peonís, das zonas verdes e do transporte público, coa renovación do ferrocarril, a construción da pasarela de Pedralonga, a aposta pola bicicleta como medio de transporte e a apertura de espazos libres de tráfico.

O Goberno, avanzou, traballará para acadar unha cidade máis sostible ambiental e socialmente. A Coruña será unha cidade máis verde e máis coidada, con mellores servizos de limpeza que xa están a actuar, e coa creación de novas zonas verdes, como o bosque de Feáns, que servirá tamén para revitalizar ese enclave. Afondarase na revalorización dos xardíns de Méndez Núñez e tamén do histórico xardín de San Carlos e poñerase en marcha o plan director de Santa Margarida. A pandemia serviu, dixo Rey, para nos decatarmos da importancia de contar cun espazo urbano de calidade, e niso traballaremos, como coa renovación das instalacións deportivas dos campos da Torre, a apertura do centro deportivo do Castrillón ou co campo de fútbol de Eirís.

Mais a alcaldesa lembrou tamén que a pandemia puxo de relevo a importancia de contar cun tecido asociativo forte e cuns servizos sociais de calidade. "Somos a cidade galega que máis inviste en benestar social e seguiremos a selo. Se no 2020 fomos os primeiros en presentar un PRESCO, repetiremos tamén no 2021. Os primeiros e os que máis contía destinaron a lles axudar ás cidadás e aos cidadáns", sinalou.

E, por último, a alcaldesa sinalou que A Coruña debe ser unha cidade con servizos en todos barrios. "A Coruña é unha cidade que non se entende sen os barrios que a compoñen. Por iso todo investimento na cidade ten que ser un investimento nos seus barrios", dixo. Na primeira metade do mandato executáronse obras en todos eles por 29 millóns de euros. O Goberno local ten previsto investimentos, moitos deles xa licitados, adxudicados ou en proxecto, por valor de 50 millóns de euros. Desde grandes obras como a renovación do mercado de Monte Alto, o centro xuvenil nas naves do Metrosidero, a remodelación da praza José Toubes ou a renovación da iluminación pública (máis de 21.000 puntos de luz) en toda a cidade, até outras moito máis pequenas, mais igualmente precisas, que van desde melloras na pavimentación até actuacións para favorecer a mobilidade ou renovar os parques infantís.

Para Rey, facer unha cidade mellor supón contribuír a crear unha cidade que xere oportunidades para a cidadanía. Por iso, o Goberno local contribuirá á reactivación económica apoiando proxectos como a Cidade das TIC, fomentando o turismo de congresos e abrindo a fachada marítima do porto ás cidadás e aos cidadáns e ás persoas visitantes para aumentar os atractivos que A Coruña xa tiña.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión