26 de mayo de 2022
O VI Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio terá lugar nos xardíns de Méndez Núñez entre os días 9 e 11 de xuño
O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, e voceiro do Goberno local, puxo en valor o compromiso do Concello para que “a cidade sexa un porto de refuxio para persoas que foxen dos seus países”
José Manuel Lage Tuñas, concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, e voceiro do Goberno local, asistiu hoxe, no Kiosco Alfonso, ao acto de presentación do VI Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio, que volverá aos xardíns de Méndez Núñez o vindeiro mes de xuño, entre os días 9 e 11.
O encontro, impulsado pola Rede Acampa, converterá un ano máis á Coruña nun referente para promover o debate social colectivo, unha iniciativa que conta, desde hai anos, co apoio do Concello. Lage Tuñas puxo en valor a proposta e amosou a Xosé Abad, coordinador da Rede Acampa, o agradecemento do Goberno municipal "pola importante labor que realiza para poñer cara á grave situación que viven miles de persoas que foxen dos seus países. É unha honra que a Rede Acampa volva escoller á Coruña como espazo para dar voz aos problemas de cidadáns de todo o planeta".
Así, Lage Tuñas resaltou o compromiso do Concello "para erixir á nosa cidade nun porto de refuxio", poñendo en valor a capacidade das Administracións locais para atender a unha problemática global, "traballando a prol da cooperación entre territorios e respondendo ao principal valor que nos define como sociedade: a solidariedade".
O voceiro do Goberno local sinalou, ademais, a total disposición amosada polo Concello para axudar a persoas vítimas de conflitos bélicos, como no caso dos refuxiados ucraínos chegados á cidade nos últimos meses. "Fixémolo colaborando coa asociación AGA-Ucraína e tamén creando a Oficina Municipal do Pobo Ucraíno (OMAPU), que asesorou a máis de 60 familias xa no seu primeiro mes de apertura, en marzo.
Por outra banda, Lage Tuñas tamén destacou o traballo do equipo de profesionais da Unidade de Asesoramento ás Migracións (UAMI) posta en marcha polo Concello para prestar axuda á poboación migrante chegada á cidade. "Desde o comezo de mandato, atendeuse a un total de 2.972 persoas, prestando servizos de asesoramento laboral e xurídico, así como de orientación e apoio na tramitación de permisos de residencia ou axudas económicas", sinalou hoxe.
Fotoxornalistas e activistas internacionais falarán das situacións causantes da fame no mundo
Entre os días 9 e 11 de xuño, os xardíns de Méndez Núñez serán o punto de encontro de 'Fame e refuxio', temática da presente edición do encontro Acampa, que achegará á cidadanía a fotoxornalistas, activistas, especialistas e organizacións para conversar e tratar, polo miúdo, a problemática da fame, unhas das principais causas que orixinan os desprazamentos masivos de persoas a escala global.
Entre os convidados estarán a ecofeminista hindú Vandana Shiva, a responsable de nutrición en Médicos Sen Fronteiras, Montse Escruela; a activista senegalesa Fátima Mbengue, o director de Amnistía Internacional, Esteban Beltrán; o corresponsal internacional Rafael Poch; a activista mexicana Diana Damián, ademais dos xornalistas Guillermo Fesser e Patricia Simón.
Ademais, os fotoxornalistas Lys Arango, Silvia Landi, Juan Carlos Tomasi, Ricard García Vilanova, Javier Teniente, Pablo Tosco, Rodrigo Zaím, Fred Ramos e Víctor Peña serán os protagonistas da exposición de fotografía urbana que acollerán os xardíns de Méndez Núñez entre os días 9 de xuño e 4 de xullo, centrada nos efectos da fame en múltiples puntos do planeta.
Por outra banda, no marco do VI Encontro Acampa, farase entrega dos II Recoñecementos Internacionais Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos, concedidos nesta edición ás oenegués Ca-minando Fronteiras (en categoría internacional), e a Ecodesarrollo Gaia (no ámbito local galego). Será o día 11 de xuño, ás 13.30 horas, no posto central que estará situado nos xardíns de Méndez Núñez.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible