Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de xuño de 2022

A contratación das obras para rehabilitar un edificio de cinco vivendas, por un importe de 1,75 millóns de euros, forma parte do acordo para os Orzamentos 2022

Licitadas as obras para a creación de vivenda social na rúa Marques de Pontejos, froito do pacto entre o Goberno municipal e a Marea Atlántica

Apróbase tamén un programa piloto de axudas, froito do acordo entre os dous grupos, para que as coidadoras e coidadores de maiores ou dependentes poidan ter respiro

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a licitación das obras necesarias para rehabilitar o edificio situado na esquina entre as rúas Marqués de Pontejos e San Nicolás para destinar as súas cinco vivendas a fins sociais. Estes traballos, que terán un importe de 1,75 millóns de euros, forman parte do acordo entre o PSdeG e a Marea Atlántica que fixo posible a aprobación dos Orzamentos 2022 no Concello da Coruña. Froito deste pacto, aprobouse tamén a creación dunha nova liña de axudas para o autocoidado e o benestar das persoas coidadoras.

Para María García, voceira da Marea Atlántica, "trátase de dúas medidas que beneficiarán a colectivos vulnerables, e que chegan grazas ao entendemento entre dous grupos políticos e ao cumprimento de acordos. Amosan que as políticas públicas dun Concello poden chegar a lugares e dereitos que é moi necesario protexer".

A rehabilitación en Pontejos para vivenda social é un proxecto que comezou no mandato anterior, coa compra do inmoble e a elaboración do proxecto, e que remata agora a súa tramitación co contrato das obras. Non só permitirá rehabilitar un edificio ruinoso en pleno centro da Coruña, mellorando a calidade urbana, senón que aumentará o parque municipal de vivenda e porá cinco novos pisos a disposición das persoas vulnerables que o precisen.

As obras, que sairán a concurso, terán un custo total de 1.754.136,23 euros, e repartiranse en dúas anualidades. Este ano está previsto investir 297.532,41 euros, mentres que os 1.456.603,82 euros restantes asumiranse en 2023. O importe viuse incrementado nun 47 % sobre o previsto nun comezo, debido ao aumento do custo dos materiais no último ano.

Actualmente, o orzamento en vigor conta con 3,6 millóns de euros para a promoción de vivenda pública en solo municipal, preferiblemente dentro do tecido urbano xa consolidado e con acceso a servizos. É unha medida que se inclúe no pacto polo dereito a vivenda asinado pola Marea Atlántica e o goberno local.

250.000 euros para que as persoas coidadoras teñan un respiro         

Na Xunta de Goberno Local de hoxe aprobouse tamén a posta en marcha dunha convocatoria de axudas para promover o benestar e o autocoidado das coidadoras e coidadores de persoas dependentes, financiada con 250.000 euros da área de Servizos Sociais. Unha iniciativa que comeza como proxecto piloto, que pode chegar a 500 familias,  e que tamén estaba incluído no pacto entre o PSdeG e a Marea Atlántica para a aprobación dos orzamentos municipais vixentes.

A alcaldesa, Inés Rey destacou que se trata dunha iniciativa pioneira para "coidar a aqueles que coidan a outros e que asumen moitas veces unha inmensa carga de traballo que, con esta iniciativa, procuramos, ao menos, aliviar".

Trátase dunha prestación dirixida a persoas coidadoras, empadroadas na Coruña. que atendan a dependentes de grao III e que teñan concedido o  Servizo municipal de Asistencia no Fogar. Cada solicitante poderá optar a 500 euros, cos que financiar servizos como fisioterapia, formación, atención psicolóxica, prácticas deportivas...

Esta axuda vai dirixida directamente ás persoas coidadoras, consideradas un colectivo vulnerable polo desgaste físico e mental que supón atender a alguén cunha gran dependencia, incluíndo o illamento social e a perda de poder adquisitivo, xa que é habitual que deban reducir xornada ou deixar o emprego remunerado. O seu traballo invisible é fundamental para a vida, e por iso as administracións deben coidar a quen coida.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión