Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de maio de 2020

Medio Ambiente retira a duna de Riazor para preparar as praias cara ao verán

Arrincan os traballos para eliminar a barreira de contención que protexe o paseo marítimo dos fortes temporais do inverno. O concello declarará as praias con bandeira azul “espazos libres de fume”.

 A Concellería de Medio Ambiente comezou hoxe a retirar a duna de contención que se instala no inverno na praia de Riazor para protexer o paseo marítimo dos fortes temporais. A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, explicou esta mañá que os traballos se prolongarán durante as próximas semanas para preparar todas as praias da cidade para a tempada estival. "As apisoadoras encargaranse de iniciar os traballos de eliminación da duna, achandando o terreo, para que a veciñanza acceda sen problema ao areal", dixo. 

Ademais, engadiu que se realizarán labores de hixienización e limpeza pendentes de que o Goberno central ditamine a normativa que rexerá este verán para utilizar os areais. A concelleira quixo deixar claro que os labores que comezan hoxe son os que se realizan todos os anos nestas datas. Tradicionalmente nos areais coruñeses a tempada arrinca o 15 de xuño, pero a situación de estado de alarma en que nos atopamos obriga a adaptarse ás medidas que anuncien as autoridades sanitarias. 

A responsable de Medio Ambiente apelou á responsabilidade da cidadanía para que só pasee ou faga deporte polos areais, e que os manteñan limpos e en perfecto estado, unha vez que finalicen os labores de limpeza e hixienización. "É responsabilidade de todas e todos manter as zonas públicas en perfectas condicións", dixo. 

Ademais, anunciou que se sinalizarán todas as praias e que se declararán "espazos libre de fume" os areais en que ondea a bandeira azul (Riazor, Orzán, Oza, Matadoiro, As Lapas e Santo Amaro). O concello, sinalou, pediralle á veciñanza e a todas aquelas persoas que visiten a nosa cidade que non fumen nas praias. "Instalaremos nos accesos uns cinceiros especiais para que a xente poida fumar fóra dos areais", dixo. Trátase dunha petición voluntaria, aclarou, polo que o seu incumprimento non implicará multas, pero si avisos.   

Fixo tamén un chamamento no que se advirte dos perigos que supón manipular desinfectantes por parte de persoas que non contan coa necesaria formación ou acreditación profesional. "Estamos a detectar anuncios de xente que ofrece servizos de desinfección para vivendas e establecementos públicos sen dispoñer das autorizacións pertinentes", advertiu. Por iso aconsella que as persoas que desexen desinfectar os seus locais se poñan en contacto con empresas profesionais. 

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión