Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de decembro de 2021

Mesón de Herves, Intenso, Casa Surrey e Ajetreo, gañadores do XVII Concurso de Tapas Picadillo

A alcaldesa Inés Rey agradeceu o alto nivel dos participantes do concurso de tapas máis antigo de Galicia

O XVII Concurso de Tapas Picadillo viviu este mércores o seu peche coa entrega de premios ás mellores tapas das diferentes categorías desta edición. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, xunto ao concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego; o xerente de Turismo da Coruña, Moisés Jorge Naranjo; e a presidenta do xurado, neta do alcalde Picadillo e membro da Academia Galega de Gastronomía, Chau Fernández-Gago Puga, entregaron os premios.

A alcaldesa, Inés Rey, agradeceu o alto nivel do concurso de tapas máis antigo dos que se realizan en Galicia que asegurou "contribúe a facer que a nosa cidade sexa referente na gastronomía do noroeste de España".

O xurado da categoría Tradicional escolleu que 'Bolo de vento de bacallau con marmelada de pemento de Padrón e tomate' de Mesón de Herves fose a mellor tapa. Nesta categoría tamén houbo unha mención especial para as 'Croquetas cremosas de espinacas' do Restaurante Morriña.

Na categoría Creativa, a tapa gañadora foi o 'Porro asado, requeixo, mel e améndoas torradas' de Intenso Cocina Peculiar mentres que a tapa 'Aire fresco' de Casa Surrey recibiu a Mención Especial.

Precisamente esa tapa de Casa Surrey foi a gañadora da categoría Maridaxe ao ser escollida como a mellor combinación proposta co viño da Denominación de Orixe Monterrei 'Mara Moura 2019'. A mención especial desta categoría foi para Cosecha 81 coa tapa 'Galicia Calidade' que maridaba co viño 'Trasdovento'.

Por último, o Premio Cidade da Coruña 2021, escollido por votación popular a través dos códigos QR dispoñibles nos establecementos foi para a tapa 'Albóndegas de rabo de tenreira con puré de batatas, labras de xamón e flocos de queixo Galmesano' do restaurante Ajetreo.

Os establecementos gañadores recibiron o premio de 1.000 € nas categorías Tradicional e Creativa ademais do diploma conmemorativa e a "chaquetilla", mentres que o premio nas categorías Maridaxe e no Cidade da Coruña de votación popular foi de 500 €.

XVII Concurso Tapas Picadillo

Este certame, que toma o nome de Manuel María Puga y Parga, máis coñecido como 'Picadillo', quen foi alcalde da Coruña nos anos 1915 e 1917 e tamén un recoñecido escritor e gastrónomo, é o máis antigo de Galicia.

Nesta edición houbo 72 tapas participantes, 42 na categoría Tradicional e 30 na Creativa. Ademais, 22 tapas participaron tamén na categoría Maridaxe con viños da D.O. Monterrei. Todas as propostas foron deseñadas especificamente para o concurso e elaboradas de maneira artesá e sempre incluíndo produtos galegos.

Para ser admitido a concurso, as tapas pasaron unha fase previa de avaliación e unha vez en concurso, un xurado de persoas expertas escolleu as mellores tapas baseándose nos criterios de sabor, elaboración, presentación e relación calidade-prezo. Seguindo estes criterios, nunha terceira fase foi un novo xurado de persoas expertas o que escolleu a tapa gañadora en cada categoría. Por outra parte, as tapas participantes na categoría Maridaxe foron valoradas por un xurado de sumilleres e expertos en viño.

Para este concurso contouse tamén coa colaboración da Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA), Estrella Galicia, e Hostelería por el Clima.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión