Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de febreiro de 2021

O Concello acurta os ciclos semafóricos para adaptalos á nova mobilidade

Esta modificación reducirá os tempos de espera peonil en todos os cruzamentos da cidade regulados por semáforos Esta actuación favorece a mobilidade peonil e ciclista, e súmase ás medidas que puxo en marcha o Goberno de Inés Rey para apostar por unha mobilidade máis sustentable, con menos coches, ao limitar a velocidade urbana, potenciar o uso da bici e crear espazos urbanos de calidade

O Concello, aproveitando a redución do tráfico de vehículos, modificou os ciclos semafóricos da cidade co obxectivo de adaptalos á nova mobilidade. Trátase de ciclos máis curtos, que permiten mellorar a mobilidade e axilizar a circulación. Deste xeito, reduciranse os tempos de espera das persoas viandantes e das condutoras e condutores. Desde a Área de Mobilidade, sinalan que nos últimos anos se detectou unha diminución importante do tráfico en toda a cidade, unha redución que se fixo patente aínda máis debido á situación de pandemia pola COVID-19 durante este último ano. Esta situación, xunto con outras encamiñadas a mellorar a mobilidade peonil, implicou que for necesario adaptar os plans de tráfico actuais a esta nova mobilidade.

Para o edil de Urbanismo e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, esta actuación, que favorece a mobilidade peonil e ciclista, súmase ás medidas que puxo en marcha o Goberno de Inés Rey para apostar por unha mobilidade máis sustentable, con menos coches, ao limitar a velocidade urbana, potenciar o uso da bici e crear espazos urbanos de calidade. "Queremos darlles prioridade ás persoas viandantes", manifestou. A Área de Mobilidade detectou que, en certas horas do día e segundo que zonas, existía un tempo excesivo de espera en moitos cruzamentos, polo que se actualizaron os diferentes plans horarios para os adaptar á nova mobilidade.

Esta modificación, adecuada a cada zona da cidade, consiste na redución dos tempos de ciclo de todos os plans horarios (fóra das horas punta) de luns a venres, e de todos os plans horarios de sábado e domingo, o que se traduce nunha diminución dos tempos de espera durante esas franxas horarias en cada un dos cruzamentos regulados por semáforos da cidade, o que permitirá unha mellor mobilidade peonil.

Deste xeito, de luns a venres (excepto nas horas punta), o ciclo semafórico será de 95 segundos, mentres que de 7.30 a 9.15, de 13.30 a 15.30 e de 16.30 a 18.30 horas o ciclo terá 105 segundos. O ciclo nocturno, que comeza ás 23.00 horas, é de 80 segundos. Durante a fin de semana, o ciclo é de 80 segundos de 23.00 a 9.00 horas e de 95 segundos de 9.00 a 23.00 horas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión