Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de febreiro de 2023

O Concello amplía a rede de carrís bici coa instalación dun novo tramo de 300 metros na avenida de Fisterra

Este novo tramo discurrirá, en sentido subida, desde o paseo das Pontes ata a rúa Jorge Borrow

O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, creará un novo carril bici na avenida de Fisterra, entre o paseo das Pontes e a rúa Jorge Borrow, en sentido saída cidade. Esta nova actuación estase a levar a cabo en paralelo aos traballos de pavimentación integral da vía.

O novo carril bici será unidireccional e percorrerá preto de 300 metros para comunicar as Zonas 30 do Ensanche co carril bici da rolda de Nelle. A actuación levarase a cabo sen afectar ao número de prazas de aparcadoiro neste tramo e grazas ao axuste dos carrís existentes.

"Con esta actuación o Goberno de Inés Rey continúa a promover unha nova mobilidade na nosa cidade, buscando priorizar o uso da bicicleta e de medios de transportes sostibles", sinalou o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego. Nese sentido, o edil lembrou que o servizo municipal de BiciCoruña conta xa con 32 estacións. Ademais, o servizo superou no 2022 o cuarto de millón de usos e comezou o ano con máis de 6.000 usuarios.

Actualmente na cidade hai máis de 50 quilómetros de carril bici e vías ciclables abertas ao uso da cidadanía. Estase a executar a obra para ampliar esta infraestrutura na avenida da Habana, entre o Paseo Marítimo e Gregorio Hernández. Por outra banda, continúan a bo ritmo os traballos de renovación do firme na avenida de Fisterra, onde se están a substituír máis de 7.000 metros cadrados de firme. A previsión é que estes labores rematen antes do final do mes de febreiro.

Nominación aos premios Bikefriendly 2023

Por outra banda, A Coruña atópase entre as cidades finalistas dos premios Bikefriendly 2023, cuxa gala final será o 2 de marzo en Sevilla e que entrega a asociación Ciudades por la Bicicleta. Estes galardóns distinguen ás Administracións pola súa aposta polo fomento do uso da bicicleta a través de iniciativas públicas.

O Concello da Coruña está nominado na categoría de Aceleración, que distingue o traballo levado a cabo nos dous últimos anos para acelerar o desenvolvemento e implementación de medidas para promover o uso da bicicleta no seu territorio.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión