Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de novembro de 2021

O Concello catalogará a biblioteca do Circo de Artesáns e creará unha aula de estudo aberta ao público na sede da entidade

Inés Rey: “O Circo é unha das institucións máis senlleiras desta cidade e queremos coidar e dar a coñecer o seu patrimonio”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou hoxe as instalacións do Circo de Artesáns, unha entidade que o ano que vén cumprirá 175 anos e que atesoura un importante legado bibliográfico. A rexedora, que estivo acompañada polo presidente da entidade, Roberto Parga, e pola concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, avanzou que o Concello da Coruña acometerá de xeito inmediato a catalogación dos fondos bibliográficos do Circo de Artesáns. "Cómpre coidar, catalogar e poñer a disposición dos cidadáns ese legado", indicou Rey. "O Circo é unha das institucións máis senlleiras desta cidade e queremos coidar e dar a coñecer o seu patrimonio", explicou a alcaldesa.

Ademais de contribuír á posta en valor da biblioteca, que inclúe volumes do século XIX e documentos valiosos para documentar a historia da cidade durante os últimos 174 anos, o Concello acometerá reformas nun dos andares da sede da entidade, na rúa San Andrés, co fin de crear alí unha aula de estudos específica para opositores, aula que funcionará en horario continuo e que abrirá os sete días da semana.

Inés Rey lembrou que o Concello xa conta cunha ampla rede de bibliotecas, mais estas non son propiamente aulas de estudo nin contan coa amplitude de horarios que algúns estudantes demandan. O Concello asumirá a reforma integral da sala para facilitar, o antes posible, a posta a disposición dos cidadáns e das cidadás dese espazo.

O Concello da Coruña colabora desde hai anos co Circo de Artesáns a través dun convenio que facilita que parte das instalacións da entidade funcionen tamén como centro cívico. A alcaldesa apuntou que as accións previstas van máis alá do convenio anual. Inés Rey avanzou tamén que o consistorio colaborará tamén na organización, o vindeiro ano, dos actos de conmemoración dos 175 anos dunha entidade que "forma parte da nosa memoria colectiva", indicou Inés Rey.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión